CC OO e UGT piden a Soria que para salvar Alcoa use os mecanismos existentes ou que os invente
CC OO e UGT de Asturias pediron este xoves ao ministro de Industria, José Manuel Soria, que “busque os mecanismos existentes, como unha segunda poxa enerxética, ou que os invente para non perder mil postos de traballo nas plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña”. Son palabras de Damián Manzano, responsable de Industria de CCOO, que referendou Eduardo Donaire, homólogo en MCA-UGT, en rolda de prensa.
Tamén esixiron responsabilidade a Alcoa, que este xoves iniciou as negociacións cos sindicatos para o despedimento colectivo das plantas de Avilés e A Coruña, para as que non obtivo paquetes de enerxía na poxa celebrada en novembro. Os comités de empresa piden a eliminación do expediente.
“Alcoa necesita os seus traballadores, ir cóbado con cóbado. É de dubidosa responsabilidade que a primeira medida que tome sexa o despedimento”, dixo Maceira.
“Probablemente a empresa nos estea a usar, os traballadores, aos sindicatos, ás institucións asturianas”, manifestou Donaire, que segue vendo prioritario que dende o Goberno atopen unha solución que permita ás plantas de aluminio ser viables en 2015.
Os sindicatos cargaron novamente contra José Manuel Soria, ao que piden “unha actuación inmediata dada a urxencia da situación”, segundo Maceira. Donaire foi máis alá e instou a que “Rajoy tome as rendas, que o PP de Asturias diga algo, que o ministerio pida a Rede Eléctrica Española que faga algo e Soria, igual que beneficia a Canarias, beneficie á industria”.
CHAMAMENTO Á MANIFESTACIÓN
Dende CC OO e UGT fixeron un chamamento á sociedade asturiana a participar na manifestación do próximo 11 de decembro, que partirá ás 19 horas da praza do Vaticano (Avilés) en defensa da continuidade de Alcoa. “É a punta de lanza do que se pode vivir nos próximos meses. Calquera disposición pode traer a eliminación de emprego, o deserto industrial”, indicou Donaire. “Non é un problema de Alcoa, mañá pode ser Arcelor, AZSA, as cementeras,…”, engadiu.
Maceira apuntou que “defender a permanencia de Alcoa é defender a industria asturiana, os intereses dos traballadores, os intereses dos asturianos” e falou de que se están a estudar novas mobilizacións.











