Carnival UK quintuplicará as súas escalas no porto de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A escasos días para finalizar a tempada de cruceiros, o Porto de Vigo dispón xa de datos máis que optimistas de cara á próxima campaña. Tanto é así que a armadora Carnival UK, que aglutina á flota da P&O e Cunard, multiplicará por cinco as súas escalas no Porto de Vigo ao longo de 2015, ao pasar do sete escalas de 2014 a un total de trinta e catro previstas para o próximo exercicio.

Este notable incremento de escalas en Vigo dunha das compañías marítimas máis emblemáticas en canto a tráfico de cruceiros refírese suporá, ademais, unha subida importante en canto ao número de cruceristas que chegarán á nosa cidade a bordo destes buques de Carnival UK, ao pasar dos pouco máis de 14.600 rexistrados en 2014 aos preto de 95.000 previstos en 2015.

Así, o Porto de Vigo, líder en número de cruceristas de todo o noroeste de España, recibirá en 2015 as escalas do Queen Elisabeth, o habitual e emblemático Queen Mary II e o Queen Vitoria, propiedade da Cunard Line, así como as visitas do Oceana, o Oriana, o Arcadia, a Aurora, o Ventura, o Azura e o Brittania, da P&O. Este último, fará a súa escala inaugural no Peirao de Transatlánticos o 9 de abril. O Brittania é o novo cruceiro insignia da P&O, con capacidade para máis de 3.600 pasaxeiros.

Só os buques da P&O deixarán en Vigo máis de 86.000 pasaxeiros, nun total de 30 escalas, fronte aos preto de 13.000 pasaxeiros rexistrados en 2014 nas 6 escalas realizadas ao longo deste ano polos buques da naviera. Do mesmo xeito, o Porto olívico espera a visita de máis de 8.200 pasaxeiros a bordo do tres buques da Cunard Line que escalarán o próximo ano na dársena viguesa. Unha cifra que superará con fartura aos preto de 1.900 pasaxeiros que chegaron a Vigo en 2014 a bordo do Queen Vitoria, na única escala do ano nun buque desta naviera.

Promoción comercial

A recuperación do volume de escalas de buques de Carnival UK, foi o froito dun intenso labor que a Autoridade Portuaria desenvolveu nos últimos meses, a través de varias reunións cos responsables decisores das distintas navieras que forman parte deste grupo.

Durante estas reunións, a Autoridade Portuaria puxo de manifesto as bonificacións de taxas e tarifas ao tráfico de cruceiros que se aplican no Porto vigués -presentes xa neste exercicio-, consciente da importancia que para a cidade de Vigo ten a entrada de turismo por mar. Do mesmo xeito, fíxose especial fincapé nas melloras realizadas nas infraestruturas de cruceiros durante os últimos anos, ademais da calidade e eficiencia do servizo que sempre prestou a Terminal de cruceiros, moderna e completamente equipada.

Así mesmo, este notable aumento do número de pasaxeiros de Carnival UK en Vigo débese á tendencia xeneralizada, ao longo destes últimos anos, de situar en Vigo barcos de grandes dimensións, debido á importante aposta pola seguridade realizada pola Autoridade Portuaria e a propia Terminal de Cruceiros; un aspecto de vital importancia para as compañías de cruceiros e, con máis incidencia, nun ano como este, de grandes temporais, así como a fiabilidade e tranquilidade que ofrecen as augas resgardadas da Ría de Vigo, que aseguran a operatividade deste tipo de buques de forma ininterrompida as 24 horas, os 365 días do ano.

10 de decembro de 2014 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.