Cardenal estudará se houbo ambigüidade ou compracencia no minuto de silencio en Riazor
O presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), Miguel Cardenal, anunciou que estudarán se houbo “ambigüidade” ou “compracencia” no minuto de silencio que se gardou este mércores en Riazor antes do Deportivo-Málaga en memoria do siareiro do Riazor Blues falecido nos incidentes de Madrid Río para aplicar unha posible sanción.
“Non vou consentir nin unha soa actuación que signifique compracencia, conivencia ou comprensión coa violencia dentro do fútbol. Se algunha persoa propón algo neste sentido aplicaranse as sancións correspondentes”, indicou Miguel Cardenal tras asistir á entrega dos Premios Nacionais no Pazo Real de El Pardo (Madrid).
Neste sentido, Cardenal sinalou que o primeiro ‘fito’ que hai que percorrer é que, coa violencia, non hai que ter a “máis mínima comprensión”. “É compatible sentir a máxima dor cunha perda humana, e síntome responsable diso como responsable do deporte español, con que non exista ningunha mensaxe que signifique comprensión coas actividades violentas que pretendemos erradicar. ¿Sanción ao Dépor? Imos examinar se houbo ambigüidade ou compracencia e aplicaremos as responsabilidades oportunas”, subliñou.
O secretario de Estado para o Deporte dixo que se “poden facer máis cousas” na loita contra a violencia, e recordou que esta tarde se reúnen na sede do CSD, a RFEF, a Liga e membros do propio Consello para buscar medidas para facer “máis efectiva o que está a demandar a sociedade: a expulsión dos violentos no mundo do fútbol”.
“Non existen receitas máxicas. As medidas teñen que ver coa relación con estes grupos, coa distribución das entradas, co control das viaxes. Temos que ter coñecemento dos actos que se producen nos campos. Sen esa información é imposible iniciar procedementos sancionadores”, lamentou.
Respecto á sanción da LFP aos clubs que colaboren cos grupos ‘ultra’, sinalou que estas van dende o peche do campo ata a expulsión da competición. “Hai que implementar o peche parcial dos estadios. É unha medida que a UEFA esixiu a todas a federacións e é algo que tiña que estar en vigor dende hai unha tempada. Nós ímolo demandar á Federación española que incorpore esa norma. Pedímosllo aos clubs porque non estaba nos estatutos”, explicou.
Por outro lado, cualificou como “moi frutífera” a reunión urxente do pasado luns da Comisión antiviolencia, xa que nesta se descubriu o que sucedeu coas entradas, o que é clave para coñecer por que non se puido anticipar o encontro dos ultras da Frente Atlética e os Riazor Blues. “Lendoiro? Non adoito valorar estas cousas, pero onte á noite chamei ao presidente da Liga para felicitalo”, afirmou.











