Carballo aborda nun pleno extraordinario a aprobación dos orzamentos xerais da corporación para 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A corporación carballesa celebra o luns 15 de decembro un pleno extraordinario no que o principal asunto da orde do día é a aprobación do orzamento xeral para 2015, que no apartado de gastos reflicte un importe de 22.326.719 euros e no de ingresos de 22.753.238 euros, centrándose, segundo explican os responsables do goberno, na prudencia, o realismo e a solvencia, sen esquecer o gasto social, a dotación de servizos, a economía, o emprego e os proxectos para seguir humanizando o centro da vila. A sesión inclúe tamén os asuntos que non puideron tratarse na sesión ordinaria do mes de novembro, que tivo que suspenderse ao pouco de comezar debido ás interrupcións do público asistente, que protestaba de novo pola Ordenanza fiscal nº 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo. Así, a orde do día recolle a modificación da composición da Mesa local de Comercio, coa incorporación ao organismo da Asociación de Comerciantes e Hostaleiros do barrio da Milagrosa e, por parte da corporación, da Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes Seara. Outro dos asuntos refírese á aprobación dun acordo de imposición e ordenación de prezos públicos por actividades de Formación e Emprego do Concello, regulándose así o uso das instalacións do Fórum por parte de distintas entidades.

Seguindo cos temas de trámite, abordarase a aprobación definitiva do estudo de detalle da parcela E-41 da rúa da Madeira no Parque Empresarial de Bértoa. Trátase dun espazo no que se está construíndo unha nave para a empresa Casas Cube SL. No apartado de mocións, están presentadas tres, dúas herdadas da sesión ordinaria de novembro e outra nova, presentada polo grupo municipal do PP. As que non chegaron a debaterse no pleno anterior foron unha de TEGA relativa á Ordenanza fiscal nº 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo e unha proposta do PP en relación á construción da Autovía da Costa da Morte. No primeiro caso, a de TEGA fora presentada no último momento e non chegara a ser incluída na orde do día ao non poder votarse a súa urxencia. Agora está nos asuntos a debater seguindo as canles habituais, aínda que á espera de que se inclúa unha emenda cun texto no que se solicita explicitamente a derrogación da modificación da ordenanza no que respecta ás vivendas baleiras. O Alcalde, Evencio Ferrero, asegura que serán os técnicos do Concello quen decidan sobre a legalidade do texto da moción, ao igual que no caso de mocións anteriores sobre o mesmo asunto. O PP, pola súa banda, solicita que se inste á Xunta de Galicia a que se retomen as obras da Autovía da Costa da Morte e a que se cumpran os prazos estipulados para a realización da actuación. Ferrero sinala que a moción agora carece de vixencia xa que os traballos veñen de comezar esta semana.

Respecto da terceira moción do pleno, segunda do PP, solicita que se inste ao goberno municipal a “solucionar os problemas de intensidade lumínica que existen en moitos barrios de Carballo” e a que “se resolvan as alegacións feitas polos veciños en relación coas retiradas dos focos”. Respecto da primeira parte da moción, o Alcalde explica que “en todos os concellos o alumeado e a súa intensidade dependen do uso da vía e das súas características”, e que os técnicos serán os que analicen as intensidades e a natureza do alumeado en cada punto. Respecto das alegacións, admitiu que se estudará polo miúdo a reposición dos puntos de luz que sexan necesarios. Por último, no apartado de Seguimento de órganos de Goberno, recóllese o Informe de Intervención e Tesourería do cumprimento da Lei de medidas contra a morosidade relativo ao terceiro trimestre de 2014. Durante o terceiro trimestre de 2014 pagáronse en prazo 1.313 facturas por un importe superior ao millón e medio de euros. Fóra de prazo, cun exceso de 19,48 días, pagáronse 119 facturas. Fóra dos asuntos da orde do día, Evencio Ferrero desexou que a vida democrática municipal se desenvolva o luns 15 con normalidade e espera “que o público entenda que a soberanía dos veciños e veciñas reside no salón de plenos”.

12 de decembro de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.