Cangas acolle a representación de “BABEL. Canto de Sereas”
O Auditorio Municipal de Cangas acolle este sábado 3 de xaneiro, ás 21.00 h., a representación de “BABEL. Canto de Sereas”. As entradas estarán á venda na propia billetería dúas horas antes da función ou por anticipado en Agarimo Agasallos e Complementos a un prezo de 6 euros, con descontos do 20% se se presenta o Carné Xove, desempregados ou para maiores de 65 anos.
BABEL. Canto de Sereas
Inspirado na estética e linguaxe cinematográfica de Won Kar Wai, Babel pivota arredor da creación literaria, as perversións sexuais e o suicidio como liñas dunha historia retrofuturista nunha cidade imaxinaria onde non existen as convencións sociais e onde as cousas se amosan tal e como son.
Deste xeito, a obra conta a historia dun escritor que chega á cidade illa coa idea de escribir unha novela pero sufre unha profunda crise creativa que o leva a buscar historias por sí mesmo.
É entón cando coñece a Carmen “a coleccionista”, unha muller que lle ofrece convertirse en mozo de compañía para así acceder ás vidas de todas as mulleres que pasen polas súas sábanas.
As cousas comezan a ir moi ben, ata que o escritor coñece a Diana, enigmática e críptica e comeza a enamorarse.
É entón cando os ciumes das súas amantes e sobre todo de Carmen e as pantasmas dunha terrible historia anterior que o fixo escapar a Babel comezarán a acechar ao escritor.
“Babel. Canto de sereas” é unha obra de cabaré contemporáneo onde o xénero é revisitado ofrecendo coreografías e escenas de alta carga erótica e visual pero ao mesmo tempo narrando unha historia lineal que reflexiona sobre temas como a creación literaria, o tormento creativo, as perversións sexuais ou o suicidio.
Ó mesmo tempo supón un exercicio de meta-literatura, onde o escritor (interpretado por Ademar Silvoso) e a personaxe (interpretado por Santiago García Telmo) mestúranse até difuminar os límites, atraídos por un coro de sereas interpretado por Olga del Río (Carmen, a coleccionista), Alba F.Troiteiro (Diana, enigmática e críptica) Paloma Saavedra (a musa), Rocío Romero Otero (Elia, a diva) ou Arantxa Treus (Nerea, trapichera, politoxicómana, adicta as ácidos lisérxicos e sadomasoquista).
Despois de oito anos de traxectoria a Compañía Femme Fatale dá un xiro na súa traxectoria e convértese no COLECTIVO FEMME FATALE, unha entidade artística con residencia na sala SALASON de Cangas do Morrazo. Este cambio de residencia e de fundamento faise para adaptarse ao actual panorama escénico galego optando por solucións máis imaxinativas e máis colectivas.
O Colectivo Femme Fatale nace despois dun curso casting realizado pola Consultora Cultural TIL DIACRÍTICO en Pontevedra en maio de 2014.
Contando coa dirección escénica de Nelson Quinteiro, este colectivo, que agrupa a un grupo de artistas con residencia na área de influencia de Pontevedra-Vigo, vén a presentar a súa primeira obra dentro desta nova andaina, baixo o título “Babel. Canto de sereas”.
Na estela de linguaxes anteriores de Nelson Quinteiro como “Varadas” (2008) ou “As Nenas Perdidas” (2011), en “Babel. Canto de sereas” abórdase unha reconstrución do xénero creando unha historia na que A CIDADE é o que simboliza o cabaré.
ELENCO. Ademar Silvoso, Santiago G. Telmo, Olga Rodríguez del Rio, Arantxa Treus, Rocío Romero Otero, Alba Fernández Troiteiro, Paloma Saavedra.
GUIÓN E DIRECCIÓN. Nelson Quinteiro
IDIOMA: Castelán
DURACIÓN: 90 minutos aprox
XÉNERO: Drama. Cabaré contemporáneo.











