‘Camiños da guitarra clásica galega’ chegan á Casa da Cultura de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

‘Camiños da Guitarra Clásica Galega’ é o concerto que interpretará na Casa da Cultura de Verín o venres día 5 de decembro, ás 20.15 horas, o recoñecido músico e investigador Samuel Diz (Tui, 1986). O acto, de libre acceso, está patrocinado por Turismo de Galicia. O concerto enmárcase na xira de presentación do disco Guitarra Clásica Galega (Ouvirmos, 2012).

Samuel Diz está graduado no Conservatorio Superior de Música Manuel Castillo de Sevilla. Nos cursos de Música en Compostela recibiu o Premio Andrés Segovia. Ten actuado en diferentes países dos continentes europeo, americano e africano, destacando a súa presentación en The Council on Latin American and Iberian Studies-CLAIS da prestixiosa Yale University (EE.UU), no Harare International Festival of the Arts-HIFA (Zimbabwe), ou o seu recente debut como solista no Palau da Música Catalana, no que recibiu o Premio da Crítica polo “estudo e coherencia do programa, seguridade escénica e son diáfano”.

En ‘Camiños da Guitarra Clásica Galega’, Samuel Diz fai un percorrido polo pasado, presente e futuro do instrumento. A viaxe pola historia, desde unha óptica contemporánea, comeza en documentos medievais, como o Codex Calixtinus, no que atopamos o Canto de Ultreia, melodía na que o músico catalán Frederic Mompou inspirou en 1962 parte da súa Suite Compostelana para guitarra. Segue a ruta que marcan cancioneiros como o de Carlos Villaba, do que o guitarrista ourensán Manuel H. Iglesias toma Froles d’Ouro -tamén coñecido como Alalá de Noia-, transcribindo este canto coral ás cordas da guitarra seguindo a tradición dos sete vihuelístas españois. Do músico e barbeiro ourensán Ramón G. Parada, interpreta o pasodobre para guitarra Flores de España, polo que foi premiado o compositor en Milán en 1914. De Jesús Bal y Gay, lucense universal e diálogo perfecto entre tradición e modernidade na música galega, interpretará a neoclásica Pastoral para guitarra, obra de 1933 manuscrita e inédita até a recente descuberta do musicólogo Leopoldo Neri, que estreou Samuel Diz.

Os compositores contemporáneos galegos están representados neste Camiño polo compostelán Fernando Buide, intérprete, creador, doutor pola Universidade de Yale e galardoado co prestixioso Premio de Composición Aeos-BBVA.

2 de decembro de 2014 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.