Caballero reitera que malia as protestas o barco vaise poñer na rotonda de Coia
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este venres en que o barco ‘Bernardo Alfageme’ “vaise poñer” na rotonda de Coia a pesar das protestas que protagonizan algúns veciños dende hai semanas posto que, reitera, “hai un clamor na cidade” para que o poñan.
“O barco vaise poñer, será mañá, pasado, o día seguinte, …, pero o barco vaise poñer”, incidiu o mandatario vigués, que asegurou que “a cidade quere o barco, porque a cidade quere vivir nunha cidade fermosa e que move a economía a través da modernidade”.
Así as cousas, en declaracións aos medios, remarcou que as protestas veñen da man duns “poucos que sempre dixeron que non a todo” e volveu acusar destas ao BNG, á CIG e a Esquerda Unida. “Lle aventuro ao Bloque e a Esquerda Unida que non van sacar nin un concelleiro como sigan por aí”, manifestou.
Respecto á petición dos veciños de Coia mobilizados de que o Concello destine a inversión de colocar o barco a servizos sociais, o alcalde propuxo que sexa a CIG a que “pase” a subvención que a casa do concello lle dá, “que lle dá unha cantidade importante”. Ademais, respecto a colocar o buque no Museo do Mar, afirmou que “aínda é máis caro” e insistiu en que “non cabe”.
Así mesmo, preguntado sobre a decisión de valar a rotonda, sinalou que se trata dunha “cuestión de seguridade”, xa que “non pode haber xente paseándose pola estrada na rotonda porque vai haber un accidente”. “É risco e non o imos tolerar. A seguridade nesta cidade está por enriba duns poucos que deciden que a poñen en risco”, manifestou.
Finalmente, acerca das críticas que recibiu por situar o ‘Bernardo Alfageme’ nunha rotonda, Caballero fixo un símil coas rotondas Cibeles, Neptuno, Glorieta de Bilbao e a fonte dos cabalos, espazos que se converteron en símbolos das súas cidades.











