“Brión Solidario” pon en marcha a campaña de recollida de alimentos polo Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión pon en marcha, por terceiro ano consecutivo, a campaña especial de Nadal de “Brión Solidario”, co obxectivo de recoller alimentos para as familias máis vulnerables do municipio. Unha iniciativa que vén contando co inestimable apoio dos veciños e veciñas de Brión nestes últimos anos, unha veciñanza que intensifica a súa colaboración nestas datas especiais do Nadal pero que fan gala da súa solidariedade doando alimentos ao longo de todo o ano.

Por iso, este ano o Concello de Brión fai un chamamento especial á colaboración das agrupacións, asociacións e empresas do municipio. Para participar na campaña dispoñen de dúas opcións: achegar alimentos non perecedoiros ou realizar achegas en metálico, que se poden entregar ben no supermercado Froiz de Monte Balado ben a través da Tesourería municipal, que lles facilitará o correspondente xustificante de ingreso. Dende o Concello de Brión xa se enviaron as correspondentes cartas ás empresas e entidades do municipio animándoos a colaborar na iniciativa.

Gran colaboración

Neste sentido, bos exemplos de colaboración na recollida de alimentos son a piscina municipal de Brión e a asociación cultural e deportiva “O Esquío no Piñeiro”, que fixeron unha recollida solidaria co gallo da celebración do Día da Bicicleta; ou a Unión Deportiva Bastavales, que organizou un partido de fútbol no campo municipal de Brión para recoller achegas de todos os afeccionados. Tamén é reseñable a colaboración dos centros escolares do municipio á hora de recoller os alimentos doados polos pais e nais; así como da asociación de Mulleres “Xuntanza”, que se encarga de distribuír os alimentos de acordo coas indicacións dos Servizos Sociais de Brión e dun xeito totalmente discreto. E tamén hai que destacar a colaboración de empresas como o Froiz de Monte Balado, o Claudio de Brión, o Balneario do Tremo…

Estas doazóns, xunto coas achegas que periodicamente realiza o Banco de Alimentos, permiten atender as necesidades alimentarias básicas dunhas trinta familias de Brión, é dicir, dunhas 100 persoas. Como en anos anteriores, para esta campaña especial de Nadal se solicitan alimentos non perecedoiros e correctamente empaquetados: pasta, legumes, cereais, leite, conservas, aceite, galletas… E, debido ás datas nas que estamos, tamén produtos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns…).

As achegas poden entregarse no CEIP de Pedrouzos, no IES Brión, na gardería dos Ánxeles, nas oficinas municipais (Casa do Concello, Casa da Cultura, Centro Social Polivalente e Biblioteca Municipal) ou nos supermercados Froiz e Claudio de Brión.

2 de decembro de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.