Bravo Bosch visita o CEIP plurilingüe Ría de Vigo adscrito ao Plan de mellora de bibliotecas escolares

Bravo Bosh na visita ao centro educativo
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe Ría de Vigo, situado na parroquia de San Miguel de Oia, que conta con máis de 200 alumnos.
Acompañada pola directora do centro, María Ángeles Maquieira, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, César Pérez Ares, Bravo Bosch percorreu as instalacións do colexio e mantivo un encontro cos membros do equipo directivo co fin de coñecer de primeira man as súas demandas e suxestións.
A delegada felicitou así ao equipo directivo polo gran labor que está a desenvolver xunto cos docentes en todas as materias educativas pero, sobre todo, polo gran traballo que desenvolven profesorado e alumnado na biblioteca escolar, que leva 6 cursos participando no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). “Trátase dun centro moi comprometido neste sentido, motivo polo que a Consellería está a responder debidamente ás súas peticións, con achegas puntuais para a mellora do equipamento e fondos da biblioteca”. De feito, tal e como sinalou Bravo Bosch, o departamento educativo da Xunta de Galicia ten investido preto de 18.000 euros nos últimos anos neste ámbito para a mellora dos programas de fomento da lectura. Ademais, ao tratarse dun centro plurilingüe conta cun auxiliar docente que procede de EEUU.
Por último, a responsable da Delegación Territorial da Xunta en Vigo coñeceu o resto das instalacións do centro educativo, onde dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se investiron preto de medio millón de euros nas últimas actuacións que se levaron a cabo.
Investimentos en Vigo e área
No período 2009-2014, o departamento que dirixe o conselleiro Xesús Vázquez leva amosando o seu compromiso coa calidade educativa e as infraestruturas da área territorial de Vigo. Exemplo disto son os case 28 millóns de euros que a Consellería de Educación destinou a diferentes obras de reforma, ampliación, mellora e nova construción de centros de Primaria e Secundaria dos 14 concellos que conforman a Delegación Territorial.
Vigo cidade foi a máis beneficiada xa que no mesmo período de tempo a Xunta de Galicia investiu ao redor de 15 millóns de euros para o mesmo fin nos centros educativos da cidade viguesa.











