Benestar Social de Ferrol contou co apoio de catro grupos de enfermeiros na especialidade familiar e comunitaria
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, reforzou este ano os seus programas municipais coa incorporación de profesionais de Enfermaría Comunitaria e Familiar da Área Sanitaria de Ferrol. A colaboración destes enfermeiros residentes é posible grazas ao convenio de cooperación asinado pola Administración municipal e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), un acordo pioneiro en Galicia que está a permitir mellorar a calidade dos servizos municipais en campos como os da atención a dependentes, prevención de consumo de drogas e mellora da calidade de vida dos nosos maiores.
A edil Martínez Beceiro fixo hoxe un balance sobre como está a funcionar este acordo co SERGAS, que terá continuidade o vindeiro ano. Así as cousas, neste exercicio de 2014 na Área de Benestar Social do Concello de Ferrol producíronse catro rotacións de enfermeiros/as que están a completar a súa formación na especialidade familiar e comunitaria. O obxectivo desta proposta é facilitar aos profesionais residentes o contacto directo con persoas en situación de dependencia, maiores e colectivos en risco de exclusión social, cuxos dereitos son cubertos a través da Concellería de Benestar Social. Esta iniciativa pioneira en Galicia permite que os enfermeiros/as residentes participen no coidado da saúde das persoas, familias e comunidades, dunha forma continua e nos diferentes aspectos da promoción da saúde, prevención da enfermidade, recuperación e rehabilitación no seu contorno e contexto social.
Reforzo de programas municipais
Así, e segundo informou a Concellería de Benestar Social, os profesionais de enfermaría coñeceron de primeira man e participaron en tarefas de seguimento de programas municipais como “Xantar na Casa”, o proxecto de convivencia interxeracional entre estudantes universitarios e persoas maiores “Comparte”, o obradoiro “Reverdecendo a Memoria III” ou o servizo nocturno de emerxencias sociais “SOS Social Ferrol”. Os participantes nesta formación realizaron visitas aos comedores sénior de Esteiro, San Pablo, Caranza e Río Xubia para a identificación de problemas de convivencia ou individuais que impidan unha adecuada integración e para acometer un tratamento preventivo nestas problemas.
Ademais, os enfermeiros/as tamén efectuaron visitas de seguimento a domicilio para a valoración de novos usuarios do servizo de comedores sénior, a solicitude de axudas a dependencia ou para a mellora da situación de familias en risco de exclusión social. Outras das actividades formativas, foron a participación na actividade da Ruta de Construción Nadal organizada polo Día Internacional das Persoas Maiores, ou o coñecemento de programas de prevención de consumo de drogas e absentismo escolar como o Cinensino. Así mesmo, os enfermeiros en formación axudaron na revisión de documentación de solicitantes e beneficiarios da Lei de Dependencia e doutros programas e prestacións sociais.
Todos os residentes que colaboraron nesta proposta valoraron a experiencia como positiva e destacaron a importancia que supón para a súa formación no ámbito da enfermaría familiar e comunitaria.











