Belén do Campo mostra o seu apoio á Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas

Belén do Campo na visita á mesa informativa
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe na Coruña a mesa informativa da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) instalada no edificio administrativo do Goberno galego en Monelos con motivo da campaña de Nadal que organiza a entidade por segundo ano consecutivo.
A máxima representante do Executivo autonómico na provincia trasladou aos representantes da entidade que preside María Jesús Arias o apoio á súa labor e aproveitou para facer un recoñecemento ao grande esforzo feito polos familiares destes pacientes e polos profesionais das asociacións nas que se integran, “cos que é necesario traballar e colaborar”.
Do Campo recordou que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, ven asinando convenios de colaboración anuais con Fegerec desde 2010, co obxectivo de buscar unha atención o máis próxima posible a todos os que padecen algunha enfermidade rara e aos seus familiares e de aproveitar todos os recursos que a mesma sociedade crea.
Esta federación é a única de ámbito autonómico galego dedicada especificamente ás persoas que padecen estas doenzas. Constituída en 2009, Fegerec está integrada pola Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica, a Asociación Galega de Ataxia, a Asociación Galega de Fibrose Quística, a Asociación Galega de Lupus, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple, a Asociación Galega de Afectados de Retinose Pigmentaria, a Asociación Galega de Linfedema e a Delegación Galega da Asociación Nacional de Amigos de Arnold-Chiari.
As persoas que desexen colaborar coa iniciativa levada a cabo por Fegerec poderán facelo adquirindo bastóns de caramelo nas mencionadas mesas informativas. Cos fondos recadados, manteranse os servizos sociosanitarios que a entidade ofrece aos seus asociados.











