Autorízase a instalación dun pantalán para o acceso ao Centro de Interpretación da Batalla de Rande

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondelaVigo
A-
A+

A Autoridade Portuaria de Vigo autorizou esta mañá a instalación dun pantalán para o acceso ao Centro de Interpretación da Batalla de Rande.

Así o acordaron hoxe o Presidente da institución olívica, Ignacio López-Chaves, e o Alcalde de Redondela, Javier Bas, tras a firma dun convenio de colaboración entre ambas as entidades.

O Concello de Redondela será o encargado de adxudicar e instalar o citado pantalán, que ocupará unha superficie aproximada de 24 metros e realizará o labor de atracada de embarcacións e embarque e desembarque de pasaxeiros, para o que contará cunha pasarela de acceso.

Este convenio é froito da gran importancia que outorga o Concello de Redondela ao turismo para o desenvolvemento económico da cidade, debido, ademais, ao elevado número de visitantes previstos ao Centro de Interpretación da Batalla de Rande, para o que necesita facilitar o acceso por mar.

Así mesmo, a Autoridade Portuaria de Vigo estima de interese que se facilite o acceso a todos os cidadáns e visitantes, sendo a zona portuaria un lugar estratéxico e ben situado para levar a cabo dita actuación, pola cantidade de turistas que se espera que visiten este Centro de Interpretación.

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo outorgou en xaneiro de 2012 ao Concello de Redondela unha concesión administrativa para ocupar unha superficie de 2.500 m2 en Rande con destino a Centro de Interpretación da famosa batalla que tivo lugar na zona entre as armadas anglo-holandesa e hispano-francesa, no contexto da Guerra de Secesión Española, no ano 1702.

3 de decembro de 2014 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.