Asime amosa a súa satisfacción ante a adxudicación das furgonetas a Vigo
A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME) mostra a súa satisfacción tras a comunicación da dirección de PSA Peugeot Citroën da asignación da nova furgoneta K9 para a factoría de Vigo.
Enrique Mallón, Secretario Xeral de ASIME, manifesta que: “confiamos que as empresas provedoras de primeiro e segundo nivel de PSA Peugeot Citroën Vigo poidan obter a maior carga de traballo que provoque a adxudicación destas furgonetas debido a que as nosas empresas posúen un altísimo grao de capacidade, tanto técnica como tecnolóxica, e saberán como competir con outras posibles opcións.”
Ademais, Enrique Mallón, portavoz de ASIME, declara que: “debemos traballar intensamente nos próximos anos para que as empresas de automoción do sector metalúrxico galego poidan consolidar as súas capacidades e mesmo incrementalas e, para iso, debemos ser cada vez máis produtivos e competitivos.”
ASIME destaca que: “esta noticia chega nun momento difícil para a industria galega e debemos, por tanto, aproveitar a ilusión que provoca para intensificar os nosos esforzos en aras de conseguir incrementar a capacidade industrial en Galicia.”
Enrique Mallón destaca: “a nosa industria debe ser cada vez máis atractiva aos ollos dos grupos empresariais estranxeiros e dos posibles investidores, e iso conseguirémolo, entre outros aspectos, coa mellora da nosa capacidade innovadora, loxística e enerxética, así poderemos reivindicar apostas claras a favor das industrias asentadas en Galicia.”
Enrique Mallón comunica que: “esta noticia beneficiará directa ou indirectamente a 18.000 traballadores e aproximadamente a 140 empresas vinculadas ao ámbito da automoción e da metalmecánica galega.”
Enrique Mallón recalca que: “un dos alicerces fundamentais do sector metalúrxico galego é a industria de automoción, e, por tanto, a consolidación e mantemento desta industria provocará sinerxías importantes para a industria galega no seu conxunto, noticias como esta contribúen a iso.”











