As obras do aparcamento disuasorio de Pontepedriña licitaranse en xaneiro por máis de 840.000 euros

Agustín Hernández xunto a Ethel Vázquez. Foto: A. Varela
As obras para o futuro aparcamento disuasorio de Pontepedriña, no Concello de Santiago, licitaranse nos primeiros días de xaneiro de 2015 por un importe de 840.000 euros. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que ten por obxecto o acondicionamento dun espazo non urbanizado nesta zona para destinalo a aparcadoiro.
Tal e como destacou a conselleira, esta actuación está encamiñada a solucionar un dos problemas máis significativos da capital compostelá, como é a falta de espazo para aparcar e a intensidade de tráfico, con esta solución liberarase de vehículos particulares as rúas da cidade, logrando unha mellor mobilidade e facilitando así que os cidadáns se movan no transporte público.
Ethel Vázquez e Agustín Hernández coincidiron en que tamén se producirá unha mellora das condicións de mobilidade e accesibilidade das persoas ao promover infraestruturas que faciliten o intercambio entre modos de transporte e potencien a utilización de medios de transporte públicos e os desprazamentos menos contaminantes, co que se logra un beneficio na calidade de vida da cidadanía, con contornas urbanas seguras e mellor integradas co ambiente.
A nova infraestrutura contará cunha situación privilexiada, que incidirá na accesibilidade dos cidadáns, xa que a parcela situase baixo o viaduto do ferrocarril, moi próxima á estación do tren e nas inmediacións do nó de Cornes, entre a SC-20 e a glorieta de Galuresa, polo que conta cunha boa conexión coa rede viaria e ferroviaria de Santiago. Trátase dun espazo que xa estaba a ser utilizado de forma habitual coma aparcadoiro, aínda que de forma non regulada.
O aparcadoiro estará formado por dúas zonas diferenciadas, separadas pola rúa escultor Camilo Otero e disporá de 184 prazas para vehículos (5 delas serán prazas reservadas a persoas de mobilidade reducida), ás cales se engaden 26 prazas para motocicletas.
A actuación compleméntase co acondicionamento da parada de bus situada na rúa de Amor Rubial baixo o viaduto do ADIF, que irá acompañada cun aumento do largo da beirarrúa na zona de parada, e a mellora da iluminación da contorna, coa finalidade de potenciar no posible a mobilidade e a utilización de medios de transporte colectivos.
Plan de Transporte Metropolitano
A conselleira de Medio Ambiente salientou que iniciativas como a ratificada hoxe axudan a potenciar o uso do transporte público e liberar o centro das cidades de tráfico. Este é un dos retos do Plan de Transporte Metropolitano que na área de Santiago está en marcha desde o ano 2011, con cifras altamente satisfactorias que avalan o seu éxito e que animan á Administración galega a seguir apostando por esta iniciativa, co obxectivo de duplicar o número de concellos e de poboación beneficiada.
Avanzou que os datos cos que conta a Dirección Xeral de Mobilidade, e que serán analizados con maior detalle na Comisión de Seguimento que se reunirá esta mesma semana, demostran que nos once primeiros meses de 2014 xa se duplicaron as viaxes bonificadas con respecto ao ano 2010.
Ethel Vázquez salientou que este tipo de iniciativas, non terían acadado resultados tan positivos, senón se apostara por unha cooperación frutífera e intensa entre a Xunta e os concellos. A conselleira mostrouse convencida de que ese é o camiño e nese sentido, Medio Ambiente apostou por unha nova colaboración nesta cidade, como a obra de urbanización da rúa Carreira do Conde, na que se investirán 600.000 euros e que no día de onte se asinou o contrato, polo que as obras poderán iniciarse a comezos de 2015. A conselleira trasladoulle ao alcalde que se organizará unha reunión cos veciños para facilitarlles información sobre a execución das obras, tal e como solicitou a corporación municipal.











