As obras da travesía da antiga Chacinera melloran a seguridade da vía coa incorporación dunha senda peonil
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, revisou hoxe o inicio das obras de mellora da travesía da antiga Chacinera de Monforte de Lemos, a estrada LU-661, que une a cidade monfortina coa estrada LU-903.
Arias destacou que mediante esta actuación dotarase a esta vía que transcurre polo núcleo urbano de Monforte dunha senda peonil. A representante da Xunta na provincia de Lugo explicou que, dado o tránsito habitual de viandantes por esta travesía, definiuse unha actuación de acondicionamento dunha senda exclusiva para peóns na beiravía.
Estes traballos comportarán a realización dun caixeo da zona de actuación, recheo con material reciclado procedente de fresado de firmes de estradas, e aplicación posterior dun tratamento superficial para obter unha superficie uniforme axeitada para a circulación peonil. Instalaranse tamén unha serie de balizas de alta visibilidade para remarcar a separación física da zona de calzada e da zona peonil.
Arias valorou positivamente esta obra, que segundo os informes dos técnicos estará rematada ao longo do primeiro trimestre do vindeiro ano, e significou que “o acondicionamento dunha senda peonil nesta zona vai a incidir en incrementar a seguridade de todos os usuarios da vía e, no caso dos peóns, facilitará o tránsito dos mesmos en mellores condicións por esta estrada”.
Esta actuación resulta por tanto “unha actuación de relevancia”, porque actúa sobre unha das saídas naturais dende a capital municipal á provincia de Ourense, por Castro Caldelas, segundo explicou a representante do Executivo galego.
A actuación de mellora desta vía desenvolverase durante as próximas semanas nun tramo de preto dun quilómetro da LU-661, que abrangue dende o paso a nivel situado na Rúa Escultor Francisco Moure ata o cruce da devandita vía coa estrada LU-903, que leva de Monforte ao límite das provincias de Lugo e Ourense.
Estes traballos, tal e como precisou Arias, lévanse a cabo con cargo aos fondos para conservación de estradas, e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inviste preto de 80.000 euros neste proxecto concreto.
Arias, acompañada por técnicos do departamento de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na Delegación Territorial de Lugo, expuxo tamén que os traballos “suporán a mellora do firme desta estrada, a limpeza de marxes, a mellora da sinalización.
“A obra incrementará notablemente as condicións e a seguridade dos usuarios da vía, na que se actuará en todo o ancho da calzada”, explicou a delegada. En concreto, contémplase a remodelación da capa de rodadura cunha capa de formigón bituminoso en quente, en capa de rodaxe, tipo AC16. Este tipo de material, de alta calidade, presenta “unha elevada durabilidade e capacidade resistente”, ademais dunhas excelentes características de adherencia neumático-pavimento acadadas tanto pola textura da mestura, como polo uso de áridos especialmente seleccionados.
Por último, Arias engadiu que estes traballos de reforzo do firme veranse complementados pola correspondente execución das axeitadas actuacións de repintado da sinalización horizontal e reperfilado de cunetas.
Arias destacou o esforzo que está a realizar o goberno da Xunta na mellora da rede autonómica de estradas, “un impulso ás obras de infraestrutura –explicou- que persigue un dobre obxectivo: por un lado, mellorar as dotacións das nosas vilas e pobos e, por outra banda, procurar o mantemento do emprego nas empresas do sector a través de proxectos públicos”.











