As canles da TVG cambiarán de frecuencia no repetidor do Pico de Ferreira
Desde hai varios meses temos aviso de que antes do 31 deste mes deberemos resintonizar os televisores para poder seguir recibindo todas as canles da TDT. Nas grandes cidades as frecuencias novas e as antigas funcionarán simultaneamente ata ese día, pero en zonas con pequenos reemisores -como é o caso de San Sadurniño- a muda xa se está facendo. É o caso do repetidor do Pico de Ferreira, onde a empresa pública Retegal ten previsto facer o cambio de frecuencias da TVG entre martes e mércores. Por iso, todos os fogares que reciban a Galega e a TVG-2 desde ese reemisor deberán resintonizar os televisores para poder seguilas vendo.
Retegal non informou do día e a hora exacta, senón que deu unha marxe de dous días para variar as frecuencias de emisión. Por iso a resintonización haberá que facela despois de que se produza o cambio, é dicir, cando vexamos que xa non recibimos o sinal da Televisión de Galicia.
No caso dos fogares con antena individual -practicamente todos en San Sadurniño- abondará con coller o mando e darlle á busca automática de canles para que nos detecte de novo a cadea. O procedemento é válido tanto para este cambio como para os que aínda queden por facer ata fin de ano. É importante ter en conta que non fai falla cambiar a antena nin mercar ningún aparello, por iso aconsellamos desconfiar de calquera persoa que nos pete na porta ofrecéndonos arranxar a antena ou o tdt para poder seguir vendo a televisión.
Porén, os edificios ou grupos de vivendas que usen unha antena colectiva deberán contactar cunha empresa de instalación de antenas para que regule as centraliñas ou cambie os amplificadores de cada canle. Insistimos: só fai falla antenista para edificios con antenas colectivas, nas casas chegará con dárlle a buscar as canles de novo. Na web www.televisiondigital.es ofrécese completa información sobre o proceso e tamén sobre as axudas que ofrece o Estado para os cambios que sexa necesario facer nas antenas colectivas, que poden chegar aos 550 euros.
¿Por que hai que resintonizar?
As razóns de ter que andar resintonizando as televisións e os receptores de tdt débese a que a maioría das canles van modificar as súas frecuencias de emisión para deixarlle sitio ao 4G. É a denominada liberación do dividendo dixital, que lle afectará unicamente ás canles que emiten entre os 790 e os 862 Mhz.
Trátase dunha reestruturación do espectro radioeléctrico -unha zona invisible pola que circulan as ondas- co obxectivo de optimizar o seu uso para que poida desenvolverse a nova xeración de comunicacións móbiles de banda larga. De feito, a liberación do dividendo dará vía libre aor despregamento da rede 4G, que permitirá aproveitar ao máximo os dispositivos móbiles de última xeración e, quizais o máis interesante para concellos rurais coma o noso, levar internet de alta velocidade -máis de 100 mb/s- a zonas onde hoxe só hai posibilidade de conexión a través de satélite ou de pequenas redes wimax.











