Aprobación definitiva da expropiación dos terreos afectados pola ampliación da depuradora do Formigueiro
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha reuniuse hoxe nunha sesión ordinaria na que foi elevada a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación dos terreos afectados pola ampliación da depuradora do Formigueiro. Dita actuación está contemplada no Plan especial do sistema xeral de infraestruturas de servizos (SXIS) de saneamento e abastecemento de auga.
O Concello investirá máis de trinta e catro mil euros na adquisición dun total de nove mil metros cadrados de superficie. A mellora das instalacións que está proxectada permitirá aumentar a capacidade da depuradora principal do municipio, que recibe a carga tanto dos cascos urbanos da Laracha e de Paiosaco como de numerosos núcleos rurais aos que se dotou co servizo de alcantarillado durante os últimos anos.
Despois do trámite aprobado hoxe, ábrese un prazo de vinte días para que os actuais propietarios poidan, se así o estiman oportuno, presentar alegacións ao xustiprezo.
Subvencións Deputación da Coruña
O goberno local tamén acordou solicitar a participación en diferentes programas de subvencións convocados pola Deputación Provincial da Coruña relacionados coa promoción económica, a cultura e o deporte, o turismo e o medio ambiente.
O Concello da Laracha proporá cofinanciar ao longo do ano 2015 con cargo a ditas axudas diversos proxectos de mellora de infraestruturas municipais, a organización e desenvolvemento de actividades de interese social e a promoción turística.











