Apertura do prazo para solicitar a participación no programa de termalismo social do Imserso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha, a través do departamento de Servizos Sociais, anuncia a apertura do prazo de presentación de solicitudes para participar no programa de Termalismo Social que pon en marcha cada ano o Instituto de Maiores e Servizos Sociais do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (Imserso).

Este programa consiste en ofrecer entre dez e doce días de vacacións nun balneario, con réxime de pensión completa e incluíndo o tratamento termal aos maiores que así precisan -mediante prescrición médica- co fin de aliviar a súa doenza.

Para a primeira quenda deste programa de termalismo social, que terá lugar entre os meses de febreiro e agosto do ano 2015, o prazo para presentar as solicitudes con prioridade para a adxudicación da praza rematará o día 16 de xaneiro. Os interesados poden cubrir as instancias ou ampliar información dirixíndose ao departamento de servizos sociais da Laracha do Concello da Laracha.

Programa de vacacións Cocemfe

Tamén está aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar no programa de turismo e termalismo dirixido a persoas con discapacidade que convoca o Imserso en colaboración coa Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (Cocemfe).

Os beneficiarios deste programa deben ser persoas maiores de 16 anos de idade que presenten unha discapacidade física ou orgánica superior ao 33% (terán prioridade aquelas persoas que superen o 50%). Ofrécese a posibilidade, ademais, de que as persoas que utilicen cadeira de rodas ou que precisen de axuda para desenvolver as actividades básicas da vida diaria poidan levar un acompañante.

Os diferentes destinos xa poden consultarse no departamento de servizos sociais, onde tamén deben presentarse as solicitudes canda menos con dous meses de antelación con respecto á data de saída. Nesta ocasión ofrécense, como novidade, propostas para o Entroido tanto en Cádiz como nas Canarias.

22 de decembro de 2014 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.