Apertura da inscrición para os concursos de escaparates de nadal e de panxoliñas na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha está a ultimar o contido do programa de eventos e actividades de Nadal, que contará con propostas para todos os públicos desde finais de ano e ata a Cabalgata dos Reis Magos do 5 de xaneiro, coincidindo coas vacacións nos centros de ensino. Como vén sendo habitual nos últimos anos, no marco deste programa desenvolveranse catro tradicionais concursos: os de conto e postais, dirixidos ao alumnado dos colexios, e os panxoliñas e escaparates. Nestes dous últimos casos, o prazo de inscrición xa está aberto.

O concurso de escaparates chega este ano á súa 19ª edición, converténdose en todo un clásico da programación de Nadal. O Concello convida a participar a todos os comercios do termo municipal da Laracha que dispoñan de escaparate exterior, permanecendo aberta a inscrición ata o 19 de decembro.

Os locais que se inscriban deben estar decorados con motivos propios desas datas ata o 6 de xaneiro. Repartiranse oito premios, dotados cun total de 750 euros, aos establecementos mellor valorados polo xurado.

O certame de panxoliñas María Angeriz Tuset terá lugar o sábado 3 de xaneiro a partir das 18.30 horas na Casa da Cultura da Laracha. Poderán participar todas as asociacións culturais, coros parroquiais e grupos do municipio que o desexen.

Están establecidas tres categorías de premios dotadas con 350, 300 e 275 euros. Todos os participantes teñen garantido o premio da terceira categoría, xa que un dos propósitos esenciais deste evento é subvencionar a actividade que desenvolven ao longo de todo o ano. A valoración do xurado farase pública o 29 de decembro.

Por último, lembrar que os concursos de postais e de conto van dirixidos a alumnos dos colexios (Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión) e das escolas unitarias (A Revoltiña de Soandres e Cumiáns de Montemaior) do municipio. O certame de conto é para estudantes do terceiro ciclo (quinto e sexto) de primaria. No de postais poderán participar alumnos de infantil e dos dous primeiros ciclos de primaria, estando establecidas categorías de premios diferenciadas por grupos de idade.

En ambos casos a valoración realizarase o martes 16 de decembro a partir das 11:30 horas na biblioteca municipal da Laracha. O xurado estará formado por representantes do Concello e dos diferentes centros de ensino. Os gañadores recibirán os seus agasallos, compostos por xogos e material educativo, o sábado 20 de decembro pola mañá nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura da Laracha.

4 de decembro de 2014 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.