publicidade hoxe

Antonio Herrera presenta “Recunchos da Mariña” que inclúe 36 fotografías cun punto de vista diferente da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+
Inauguración da mostra

Inauguración da mostra

A Casa da Cultura acolle ata o día 30 de xaneiro os “Recunchos da Mariña” de Antonio Herrera Huerta, un madrileño afincado en Fuenlabrada que dende o 2006 pasa as súas vacacións coa súa familia en San Ciprián. A exposición está composta de 36 fotografías en cor tomadas nos últimos cinco anos nas que o autor amosa lugares da comarca con encanto, pero sempre fuxindo da foto de postal, buscando lugares menos coñecidos e incluso perspectivas diferentes de puntos emblemáticos.

Pero o que máis traballou Herrera foi a luz das fotografías. Cada unha delas é o resultado de varias viaxes a un mesmo lugar, buscando unha luz determinada para transmitir un sentimento ou unha emoción. De feito, o autor destaca a luz cambiante da comarca como un dos seus maiores atractivos.

As imaxes están colocadas de leste a oeste, dende a ponte dos Santos á ponte do Vicedo, e inclúen textos con pequenas historias ou datos importantes de cada lugar que o autor foi obtendo durante as súas conversas cos veciños complementadas con traballo documental.

Unha mostra na que o municipio de Cervo ten certo protagonismo. Seis son as fotografías centradas no concello que captan lugares como o encoro de Río Covo, a praia de Cubelas, Alcoa, a presa de Sargadelos, a festa da Queimada e a ermida de San Ciprián no día da Maruxaina.

Antonio Herrera expuxo a súa obra en multitude de lugares e participou en numerosos concursos de fotografía. Un deles foi o IV Cervo Respecta de fotografía medio ambiental convocado polo Concello este ano e no que gañou ou primeiro premio con “Acantilados de papel”, unha imaxe do cabo Morás, en Xove. A mostra pódese visitar de luns a venres de 9 a 13:30 e de 17 a 20 horas.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e edil de Cultura, Begoña Alonso, e o propio artista participaron hoxe na inauguración da mostra que a edil recomendou “por la gran calidad de las fotografías, y por ser una estupenda ocasión para ver nuestro concello y toda la Mariña a través de la mirada de un visitante y apasionado de la comarca”. Ao mesmo tempo Alonso lembra que esta será a primeira exposición do ano 2015 “en el que seguiremos trabajando para que, al igual que en años anteriores, los espacios públicos sigan al servicio de la cultura y el arte”.

30 de decembro de 2014 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.