Amplíase a achega destinada ó Banco de Alimentos de Vigo e unha nova partida para Pontevedra
A Deputación de Pontevedra ampliará en 2015 a achega económica destinada ó Banco de Alimentos de Vigo e incluirá unha nova achega, de igual contía que a de Vigo, para a sede desta entidade en Pontevedra.
Así o destacou a deputada Ana Isabel Vázquez Reboredo na visita que esta mañá realizou a nova sede da entidade en Faustino Santalices, onde destacou “o enorme valor social do labor desta entidade” que está a facer un gran esforzo por dar resposta ás necesidades de alimentos de centos de familias en toda a provincia e a nivel nacional.
A entidade abrirá ó público en Pontevedra no vindeiro mes de xaneiro, pero nestes momentos xa está a traballar no acondicionamento do seu novo local (un almacén de uns 700 metros situado na rúa Faustino Santalices) e na organización do banco para que a comezos de ano poida funcionar xa a pleno rendemento.
Así mesmo, o responsable provincial do Banco de Alimentos amosouse satisfeito co resultado da campaña que a nivel nacional se desenvolveu na pasada fin de semana e que permitiu que esta entidade conte con reservas ata 2015. Malia todo, incidiu en que é preciso seguir contando con achegas e desenvolvendo campañas de recollida, porque son moitas as necesidades que hai que atender.
Neste sentido, a nova sede de Pontevedra non só pretende dar cobertura á cidade e á súa comarca, senón a toda a área norte da provincia.
Para logralo, a deputada Ana Isabel Vázquez reiterou o compromiso da Deputación tanto co Banco de Alimentos como con todos os colectivos que traballan coas persoas con máis necesidade. Así, lembrou que na última lexislatura non pararon de aumentar as partidas que a Administración provincial destina a acción social, co obxectivo fundamental de “dar cobertura á demanda social nuns momentos especialmente difíciles como os actuais”.











