AGE valora a nova K9 de PSA Vigo aínda que rexeita seguir coa promoción de plans de axuste

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+
Europa Press

A vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, valorou a adxudicación por parte da planta viguesa de PSA Peugeot Citroën da fabricación da nova furgoneta do grupo, pero advertiu da necesidade de agora “despexar a incógnita de se se vai seguir facendo promoción de plans de axuste” na fábrica e lamentou tamén o “modus operandi” do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ao anunciar a noticia este luns.

“Isto de andar facendo política con anuncios televisivos é unha forma de facer política terrible que ademais ten efectos búmeran”, advertiu a vicevoceira de Alternativa en declaracións aos medios de comunicación nos corredores do Parlamento, onde avisou tamén que “ninguén vai crer que isto é un éxito do señor Feijóo”.

Así, Yolanda Díaz referiuse a unha noticia que “era esperada” porque a estaba a “esperar o sector” e que, de acordo coa súa información, estaba prevista avanzar o pasado venres. Por iso, criticou ao titular da Xunta, ao suxerir que se anuncia este luns porque “hai que dar unha noticia relevante no debate de presupostos”.

En calquera caso, apuntou que, “en principio, é un dato positivo”, se ben subliñou que esta furgoneta “se vai desenvolver despois do ano 2018” e que vai “supoñer tan só unha ocupación do equipo do 60 por cento”. “E a preocupación que hai agora mesmo por parte dos sindicatos e dos traballadores é xustamente que vai acontecer a niveis de ocupación ata esas datas”, destacou.

“DÉFICIT” DE VENDAS

Neste sentido, Díaz chamou a ter “en conta” que algúns dos catro produtos que se están a fabricar “agora mesmo” na factoría de Vigo “teñen déficit en canto a vendas ou o que esperaba de vendas”.

“En principio, positivo, pero hai que despexar a incógnita de se se vai seguir facendo promoción de plans de axuste como se acaba de facer en Vigo ou se vai seguir sendo a custa dos traballadores”, resumiu.

FEIJÓO, “INCORRECTO

En canto ao proceder de Núñez Feijóo, Yolanda Díaz cualificou o seu “modus operandi” de “incorrecto” e resaltou que Alternativa Galega de Esquerda “o combate” porque “non é comprensible”.

“Os traballadores son os que teñen que ter información directa do que está a pasar”, aseverou, antes de aludir a outros sectores á marxe da automoción, como o naval, no que a poboación tivo acceso a novidades a través dos medios de comunicación “pero non por que sexa a Xunta a que ten un diálogo permanente cos representantes dos traballadores”, en fórmulas de “democracia directa na empresa” que Díaz defendeu como “o ideal e correcto”.

15 de decembro de 2014 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.