AFAL comeza un novo Curso de Coidador Sociosanitario de Persoas Dependentes
Despois da alta demanda rexistrada na convocatoria celebrada en novembro, cando a entidade viuse obrigada a abrir lista de espera, AFAL Ferrolterra iniciaba onte unha nova edición do seu Curso de Coidador Sociosanitario de Persoas Dependentes. Con todas as prazas cubertas, participan nel aquelas persoas que se quedaron fóra da acción anterior, polo que nesta ocasión non se abriu un prazo de inscrición previo.
O obxectivo do curso é dotar aos coidadores da información, coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver de forma eficaz o seu papel. Así mesmo, busca mellorar a autoestima dos coidadores principais e proporcionarlles información sobre recursos sociosanitarios. Organizado por AFAL Ferrolterra coa colaboración do Sergas, o curso está impartido por un equipo multidisciplinar integrado por unha logopeda, unha psicóloga, unha educadora social, unha terapeuta ocupacional, unha traballadora social, un pedagogo e unha enfermeira. De 30 horas de duración, está estruturado en dous módulos formativos.
Nun e outro caso, as clases desenvólvense na sede da asociación, en horario de tarde (de 16 a 19 horas), e no mesmo trátanse temas como os coidados que precisa a persoa dependente ou o propio coidador, así como as claves para mellorar a calidade de vida nun e outro caso.











