publicidade hoxe

Acebe CCA instalará unha pista de patinaxe de xeo natural durante o Nadal en Betanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos instalará desde o próximo 20 de decembro e até o próximo 11 de xaneiro unha pista de xeo natural na Praza Irmáns García Naveira. Tras dous anos consecutivos instalando pista de xeo ecolóxico este ano a novidade é que os visitantes poderán gozar da sensación de patinar sobre unha superficie de xeo de 200 metros cadrados en pleno centro de Betanzos, permitindo desta maneira dinamizar a actividade do centro comercial aberto durante o período do Nadal.

As entradas na pista terán un custo de 7 € aínda que os clientes do comercio de Betanzos poderán acceder abonando unicamente 3 € xa que os asociados de ACEBE CCA repartirán vales desconto de 4 € coas compras durante o período que estea instalada a pista.

O horario da pista será de 11.30 h a 14:00 h e de 17:00 a 21:00 h. O 24 e o 31 de decembro a pista pechará ás 19.30 h. O 25 de decembro e o 1, 8 e 9 de xaneiro abrirá unicamente en horario de tarde, de 17:00 a 21.00 h.

A instalación da pista de patinaxe inclúese dentro do plan de promoción e dinamización do comercio local apoiado pola Deputación da Coruña e que conta coa colaboración do Concello de Betanzos e a Xunta de Galicia.

CAMPAÑA DE NADAL

A instalación da pista de xeo complementarase coa campaña “Este Nadal regala Comercio de Betanzos” que a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos levará a cabo entre os próximos 12 e 31 de decembro. Trátase dunha campaña de promoción e dinamización do comercio local que sorteará 1.500 € entre os clientes do Comercio de Betanzos que consigan os boletos de participación nos establecementos asociados ao realizar as súas compras de Nadal. No sorteo, que se celebrará o próximo 8 de xaneiro de 2015, sortearase un primeiro premio de 500 euros, dous segundos de 250 euros e cinco terceiros de 100 euros cada un.

A campaña está organizada por ACEBE CCA e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación de Coruña, Concello de Betanzos e Gadis.

9 de decembro de 2014 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.