A Xunta publica a licitación da execución dunha nova captación e unha etap na Lama por un valor de 1,8 millóns de euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de mellora do abastecemento nas parroquias da Lama e Antas, no concello pontevedrés da Lama.
O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, achegará un importe económico de 1,8 millóns de euros para a execución destas actuacións hidráulicas no citado municipio, financiando así a totalidade deste proxecto.
Na actualidade, o sistema de abastecemento presenta un funcionamento diferente segundo a época do ano, xa que en inverno a rede aliméntase a través de mananciais que surten tres depósitos situados no Monte do Ceo, e no verán os mananciais e pozos secan, polo que a parroquia da Lama se abastece dos excedentes do bombeo do río Verdugo.
A Xunta, mediante estas actuacións proxectadas, pretende levar a cabo as actuacións necesarias para dotar a parroquia da Lama dun novo abastecemento que tamén dará servizo á zona de Antas e ao parque empresarial de Racelo.
As obras consisten na execución dun novo sistema de abastecemento para as parroquias da Lama e Antas. Proxéctase unha nova captación mediante dous pozos filtrantes e unha estación de tratamento de auga potable (ETAP) ao pé do río Verdugo.
A ETAP está deseñada para un caudal de 14 l/s, desde a que se bombeará a auga uns 205 metros, mediante unha impulsión de tubaxe de fundición de 125 mm, ata un novo depósito de cabeceira localizado no Monte Peón, cunha capacidade de 700 m3, executado en formigón armado repartido en dous vasos de 350 m3.
O novo depósito de cabeceira comunícase cos tanques existentes da Lama, a través dunha nova condución de fundición de 110 mm, duns 1.150 metros de lonxitude; co depósito do polígono industrial de Racelo, mediante unha tubaxe de fundición de 110 mm, duns 2.425 metros de lonxitude; e co tanque que abastece a parroquia de Antas, mediante un ramal que parte da condución que une o depósito de cabeceira co do polígono, cunha lonxitude duns 300 metros e diámetro 90 mm.
A Xunta de Galicia, coa execución deste tipo de obras, pretende garantir a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía, en cumprimento da Directiva Marco da Auga. O departamento que dirixe Ethel Vázquez colabora a nivel técnico e financeiro cos concellos galegos co fin de dotalos daquelas infraestruturas de que carecen, mellorando a calidade de vida dos cidadáns, neste caso, preto de 1.455 veciños da Lama.











