publicidade hoxe

A Xunta destina 350.000 euros á clausura dun vertedoiro de residuos de construción e demolición en Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiroLocal Portada
A-
A+

O Consello da Xunta aprobou hoxe a colaboración técnica e financeira da Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas co Concello de Boiro para a obra de clausura do vertedoiro de residuos da construción e demolición do Concello de Boiro, por un importe de 350.000 euros.

Este proxecto centrarase na selaxe do antigo vertedoiro da situado nunha antiga canteira en Runs, no termo municipal de Boiro a uns 200 metros da zona urbana do dito lugar, sendo os terreos de propiedade do Concello de Boiro.

Os traballos que se van realizar coa obra proxectada pasan polo acondicionamento dos residuos co obxecto de lograr unha distribución estable, a súa selaxe e o control de augas de escorremento e lixiviados. Con estas obras preténdese evitar a vertedura incontrolada de residuos, ao tempo que se reducen os potenciais riscos para a saúde pública, a paisaxe e o ambiente. Ademais, esta actuación permitirá rexenerar a zona afectada, de xeito que quede integrada de novo no medio para beneficio dos cidadáns.

Estas instalacións, que xa esgotaron a súa capacidade, permanecen inactivas na actualidade, polo que debe acometerse a súa clausura en condicións de seguridade ambiental de acordo coa normativa de referencia na materia (Real decreto 1481/2001, do 27 de decembro, polo que se regula a eliminación de residuos mediante depósito en vertedoiros).

A actuación de selaxe do vertedoiro esgotado concíbese como unha recuperación ambiental do espazo que ocupa e da súa contorna, comprendendo como accións máis destacadas a retirada de voluminosos, o reacondicionamento e recolocación de residuos ou a recuperación da topografía do terreo. Outras accións destacables son a restauración mediante cobertura de solos e implantación de cuberta vexetal e a integración ambiental e paisaxística.

Así, os traballos consistirán no reperfilado de residuos, impermeabilización superior do vertedoiro, control de augas de escorremento, control de augas de infiltración, revexetación e integración ambiental.

4 de decembro de 2014 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.