publicidade hoxe

A Xunta destina 300.000 euros a dotar de saneamento o núcleo rural de Requeixo en Lourenzá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLourenzá
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asumirá o 100% do investimento necesario para dotar de saneamento o núcleo rural de Requeixo, no Concello de Lourenzá. O Consello da Xunta autorizou na súa reunión desta mañá o gasto polo que Augas de Galicia licitará esta actuación por un importe de máis de 300.000 euros (304.758,82 euros).

Na actualidade este núcleo rural deste concello da Mariña luguesa conta cun sistema de saneamento que consiste en fosas sépticas individuais. Trátase dunha zona residencial vinculada principalmente á actividade agrícola, para a que se prevé un sistema de saneamento similar ao que existe nos núcleos de Santo Tomé e San Adriano, que teñen a súa rede conectada á depuradora de Santo Tomé.

As obras, cuxo prazo de execución é de 4 meses, consistirán nunha rede de saneamento de tipo separativo que recollerá as augas residuais do núcleo de Requeixo. Estará composta por un total de nove colectores que conectarán coa Edar grazas a unha infraestrutura de tubaxes de case tres quilómetros de lonxitude (2.966 metros). Ao longo do trazado será preciso realizar senllos cruzamentos nas estradas LU-P-2802 e LU-122 mediante perforacións horizontais encamisadas. Este proxecto de saneamento tamén recolle a reposición dos servizos e pavimentos afectados polas obras.

Con esta actuación en materia hidráulica preténdese eliminar as insalubres e contaminantes fosas sépticas que na actualidade empregan os habitantes do núcleo de Requeixo.

Dende Augas de Galicia destácase que este tipo de proxectos melloran a calidade de vida e o contorno dos habitantes do núcleo de Requeixo, dotándoos dun sistema de saneamento axeitado; ao tempo que se eliminan as fosas sépticas, que constitúen focos contaminantes, polo que se mellorará considerablemente a calidade ambiental da zona.

Con esta actuación tamén se optimiza as infraestruturas existentes, xa que a EDAR de Santo Tomé pasará a depurar as augas dos tres núcleos, Requeixo, Santo Tomé e San Adriano.

26 de decembro de 2014 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.