A Xunta destina 150.000 euros aos traballos de mellora da estación de autobuses de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas Santos, salientou esta mañá o esforzo que está a facer a Xunta para reforzar a accesibilidade e a información aos cidadáns, grazas ás obras de mellora ás que destina 150.000 euros.

A directora xeral visitou esta mañá esta actuación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, onde estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. As obras comezaron o pasado 24 de novembro e na actualidade céntranse na desmontaxe das escaleiras e a mellora dos aseos. A previsión da Xunta é que se rematen no primeiro trimestre do vindeiro ano.

Recordou que a actuación que se leva a cabo na estación de Pontevedra forma parte do contrato para a mellora de accesibilidade e instalacións das estacións de autobuses de Pontevedra Norte, que inclúe melloras nas de Pontevedra, Lalín e Vilagarcía de Arousa- estas dúas moi avanzadas e que poderán rematarse este mesmo ano, por un importe de máis de 200.000 euros.

O investimento de maior envergadura corresponde á estación de autobuses de Pontevedra, onde a Dirección Xeral de Mobilidade achega 150.000 euros. O máis destacable serán as melloras de accesibilidade, entre as que cabe salientar a substitución das escaleiras mecánicas existentes, entre a planta baixa e o semisótano da estación, por dous ascensores cunha capacidade máxima de 13 persoas cada un.

Ademais modificarase a apertura dunha das portas de acceso á estación para que se poidan abrir no sentido da evacuación (cara ao exterior), algo que a día de hoxe non é posible. Tamén se levarán a cabo melloras xerais nas instalacións coa impermeabilización da cuberta e melloras nos aseos e a pintura da estación.

As obras de mellora na estación de Pontevedra é un contrato que se enmárcase dentro do Plan Renove das estaciones de autobuses de Galicia, que ten como obxectivo mellorar e modernizar a rede de estacións de transporte público por estrada da comunidade autónoma.

Plan Renove

O obxecto do Plan Renove de estacións de autobuses é engadir valor a estas instalacións de servizo público, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os pasaxeiros ao potenciar aspectos como a accesibilidade, información aos usuarios e supresión de barreiras arquitectónicas.

Tendo en conta que a maioría das estacións da rede galega foron construídas nas décadas do 70, 80 e 90, e por tanto non están adaptadas para as novas esixencias normativas de accesibilidade (tanto dos modos de transporte como dos usuarios), detéctase unha clara necesidade de adaptación de elementos para facer posible este obxectivo. O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.

4 de decembro de 2014 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.