A Xunta destaca o labor das ADSG na loita contra enfermidades animais

Patricia Ulloa en Ordes
A Xunta destaca o labor das Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) na loita contra enfermidades animais de cara á mellora das producións e da rendibilidade dos gandeiros. A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, enxalzou o papel que xogan estas agrupacións durante a clausura do I Encontro de Gandeiros celebrado en Ordes, organizado polas ADSG Mesía e Frades.
A directora xeral lembrou que este ano a Consellería do Medio Rural e do Mar destinou máis de 2 millóns de euros para axudas dirixidas a estas agrupacións. Así, Patricia Ulloa trasladou que en Galicia hai un total de 76 ADSG, das cales 57 son de vacún, 9 de porcino e 10 doutras especies. A directora dixo que a Xunta traballa para que se integren nestas asociacións o maior número de explotacións.
Neste sentido, a titular de Produción Agropecuaria fixo fincapé na premisa de que a través dos programas de planificación zoosanitaria que realizan as ADSG acádase unha mellora no estado sanitario das explotacións e fan que se reduzan as perdas ocasionadas por motivos sanitarios. Así mesmo tamén explicou que con estes programas cúmprese a normativa vixente relativa a identificación, benestar e sanidade animal.
ADSG
As ADSG son asociacións de gandeiros constituídas para elevar o nivel sanitario e produtivo e as condicións zootécnicas das súas explotacións, mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades dos animais e mellora das súas condicións hixiénicas e produtivas.











