A Xunta apela á procura dunha solución que garanta o futuro da planta de Alcoa
Tras coñecer o anuncio levado a cabo hoxe por Alcoa e que afectaría ao mantemento do emprego da planta da compañía na Coruña, a Xunta apela á procura dunha solución definitiva capaz de garantir a viabilidade da factoría así como do resto de empresas grandes consumidoras de enerxía. A Consellería de Economía e Industria lembra que o proceso da poxa no marco da interrumpibilidade aínda non está pechado, xa que o Goberno central anunciou que se celebrará unha poxa extraordinaria durante o mes de decembro que pode abrir novas posibilidades ás empresas electrointensivas.
Neste senso a Xunta de Galicia insta ao Ministerio de Industria, Energía y Turismo a que continúe traballando para que o resultado da poxa poida garantir a viabilidade dos grandes consumidores enerxéticos ao mesmo tempo que agarda que Alcoa espere ao remate do proceso para avaliar as súas opcións e tomar as decisións pertinentes.
A Xunta de Galicia continúa centrada en que tanto Alcoa, como o resto de compañías con capacidade dispoñible, acaden na poxa extraordinaria a retribución suficiente para garantir a súa viabilidade e o mantemento do emprego en Galicia.
O conselleiro de Economía e Industria manterá mañá un encontro cos representantes do comité de empresa para avaliar a situación.











