A Xunta acusa ao alcalde de Vigo de querer poñer un tope de usuarios ao transporte metropolitano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

A Xunta de Galicia acusou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, de pretender impoñer un “tope de usuarios” ao transporte metropolitano, ao esixir que o convenio para implantar este servizo recolla unha achega económica máxima anual (que fixa en 260.000 euros), e advertiu de que esa condición “rompe a esencia” do sistema de transporte metropolitano.

Así o manifestou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, durante unha visita a un aparcamento disuasorio que o seu departamento construíu en Brollón, en Moaña. Vázquez insistiu en que a Xunta segue disposta a contar co Concello de Vigo para sumarse ao convenio que xa apoian os outros 13 municipios da área metropolitana.

Segundo reiterou, a conselleira quere implantar o plan de transporte da área viguesa “nas mesmas condicións” que noutras áreas de Galicia onde xa funciona, pero a negativa do goberno vigués a subscribir o acordo sen un tope máximo de achega económica, provoca que falte “unha peza” no sistema: o financiamento dos transbordos en buses urbanos da cidade.

Ethel Vázquez sinalou que ese tope suporía, na práctica, establecer “un tope de usuarios”. “Non ten sentido, rompería a esencia do transporte metropolitano”, indicou, ao tempo que recordou que ao Concello de Vigo asinou convenios con outras entidades, como Sogama, ou con entidades deportivas, sen esixir esa condición.

COMPETENCIA

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, preguntado polos medios sobre esta cuestión, indicou que ese teito de achega municipal non implica que se limite o número de usuarios, senón que, a partir desa cantidade, tería que achegar todo o financiamento o Goberno autonómico. “Quen tería que pagar é a Xunta de Galicia, que non quere entender que o transporte metropolitano é a súa competencia exclusiva”, subliñou.

A ese respecto, insistiu en que a Consellería fixara a achega anual de Vigo en 211.000 euros, e que o goberno municipal ofrece ata un máximo de 260.000 euros. “E din que non, isto é unha posición política, pero nós non podemos dar un cheque en branco”, denunciou o rexedor, quen sinalou que os vigueses non pode quedar excluídos do plan de transporte porque “iso sería prevaricación”.

Finalmente, Caballero referiuse á carta que a conselleira, segundo se anunciara, remitiu ao Concello para invitalo a reconsiderar a súa posición. Así, o alcalde explicou que a misiva non chegou á casa do concello olívico e que “debe vir en patinete”.

29 de decembro de 2014 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.