A sede de Turismo Rías Baixas acolle a exposición “Hermanos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A sede de Turismo Rías Baixas acollerá, a partir do 11 de decembro, a exposición Hermanos, desde a que numerosos rostros de nenos  unidos por este especial vínculo familiar miran o visitante e tratan de transmitir esa especial relación que sempre marca os irmáns.

A mostra forma parte da campaña que Aldeas Infantís SOS está a levar a cabo en numerosos países de Europa para reclamar leis que impidan a separación dos irmáns cando, por diversos motivos, teñen que ser apartados do seu fogar.

Esta campaña obedece, segundo explican os promotores da iniciativa, a que en moitas ocasións os nenos que son declarados en situación de desamparo e, en consecuencia, apartados do seu fogar, sofren ás veces outro trauma: o de seren separados dos seus irmáns, cos que medraron e cos que manteñen “un sistema de apoio especial” que se fai aínda máis necesario nestas situacións de desamparo.

Segundo Aldeas Infantís SOS as investigacións realizadas ata o momento demostran que os irmáns que permanecen xuntos nun fogar teñen menos problemas emocionais e de conduta que os que se separan, pese ó cal aínda é moi frecuente que os irmáns sexan enviados a familias de acollida distintas.

Irmáns de diferentes partes do mundo

Aldeas Infantís ten como un dos seus piares pedagóxicos fundamentais a permanencia dos irmáns biolóxicos unidos e, por iso, está a desenvolver unha campaña de sensibilización na que se inclúe a mostra que, desde as 12:00 h do 11 de decembro, se poderá contemplar no Palacete das Mendoza.

Nela recóllense as caras, as miradas, os lugares, os nomes e a vida cotiá de grupos de irmáns biolóxicos que medraron xuntos en distintas aldeas de Aldeas Infantís en numerosos países do mundo (México, Togo, Rusia, Indonesia, Marrocos e España). As fotografías foron realizadas por Iván Hidalgo nas aldeas de Lome, Tomilino, Tijuana, Bali, Marrakech e España.

Obxectivos

A campaña inclúe, ademais das exposicións de fotografía que se están a desenvolver en países coma Alemaña, Austria, Francia ou Italia, un documental televisivo sobre os irmáns, un anuncio de televisión e a edición dos libros Sueños Compartidos, héroes desconocidos e Libro de cuento sobre hermanos.

Con estes materiais Aldeas Infantís SOS busca conseguir unha lei que impida a separación dos irmáns cando son apartados da súa familia; sensibilizar, defender e facer máis fácil a comprensión do “dereito vital e universal” dos irmáns a non seren separados, non suficientemente recoñecido nin legal nin administrativamente; a implantación dun “día dos irmáns” e involucrar as entidades públicas e privadas neste obxectivo.

3 de decembro de 2014 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.