A San Silvestre de Vigo cumpre dez edicións esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

Iniciada en decembro de 2005, por segundo ano ponse en marcha esta carreira “no corazón da cidade, porque queremos que todos os vigueses gocen desta proba e pretendemos contribuír a rematar o ano coa ledicia e satisfacción de estar vivindo nunha cidade que sente o deporte”. Así foi presentado hoxe martes o evento polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, que espera acadar na Alameda unha altísima participación.

A saída terá lugar ás 11:30 horas. É cita aberta a todo o mundo, na que a organización, o Club Atletismo Vigo, anima a acudir ata disfrazados, pois haberá premios para os mellores disfraces.

O Concello patrocina o evento, exclusivamente solidario. “Se non fora pola Concellería de Deportes non se podería facer, porque cada vez é máis difícil conseguir cousas”, manifestaron os directivos atléticos.

O obxectivo é conseguir o maior número de toneladas de alimentos non perecedeiros, que serán entregados ao Banco de Alimentos. “Pedimos aos participantes que non esperen a última hora para entregar os alimentos, explica Julio López dende a organización do Club Atletismo Vigo.

O cambio da carreira ao 28 en lugar do tradicional día 31 ten a súa razón de ser en dous factores: o loxístico e o solidario. A organización manéxase mellor un domingo pola mañá que no derradeiro serán do ano; ademais, contan con que haberá máis concurrencia. Tentamos mellorar a proba para que se recauden máis alimentos cada ano; a efectos loxísticos viuse mellor levala ao domingo 28 como tamén se fai en Ponferrada, León, Salamanca, Almería… ou en Oporto. Moita xente viaxa o 31 ou traballa esa tarde”, razóase. O domingo, en cambio, pensan que poderá acudir moita máis xente a esta chamada solidaria. “Un ano o 31 caeu en domingo e notámolo na participación”, que se elevou considerablemente.

Con esta carreira acaba o ano atlético, composto por 45 probas. Para o Atletismo Vigo, acadar os 3.000 participantes sería xa “un número importante” despois de que o seu teito sexa de 2.000. E superar os 5.000 quilos de alimentos, tamén.

Como o ano pasado, cando por vez primeira abandonouse Castrelos, o percorrido será pola Alameda, nun deseño “totalmente urbano”. Os deportistas deberán dar tres voltas a un circuíto de 1.900 metros, é dicir, uns 6 quilómetros. “Saímos gañando co cambio”, afirman os membros da organización, que ao levar a carreira ao centro xa veron que esta se fíxo máis visible para a cidadanía, o que se traduciu en máis quilos de alimentos para os desfavorecidos.

A organización tamén lembrou que a inscrición faise directamente á hora de entregar os alimentos, na mesma Alameda, e recomendou que a xente se achegue sobre as 9 ou 10 para evitar tempo de espera.

23 de decembro de 2014 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.