A Residencia Xuvenil Altamar acolle a seis deportistas de clubs vigueses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+

Establecer a forma e condicións de colaboración para promover a práctica de actividades deportivas entre a xuventude. Este é o obxecto do acordo de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Consellería de Traballo e Benestar para a utilización da Residencia Xuvenil Altamar para a estadía de deportistas e polo que un total de seis deportistas de alto nivel de clubs vigueses residirán nas devanditas dependencias pertencentes á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

No acto de presentación do convenio celebrado esta mañá na residencia, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, agradeceu á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado o seu apoio aos deportistas xuvenís ao acollelos nunhas instalacións nas que os mozos atopan as condicións idóneas para desenvolver os seus obxectivos persoais e formativos, neste caso deportivos, nun ambiente que favorece a convivencia, o benestar e o apoio mutuo.

Así mesmo, valorou positivamente o interese dos responsables da política xuvenil da Xunta por desenvolver mecanismos que favorezan a práctica deportiva da mocidade galega, como o preto do centenar de residentes de Altamar, asegurando que iniciativas coma esta axudan ao dobre obxectivo do desenvolvemento do deporte galego e o avance do Plan Galicia Saudable, co que a Xunta pretende loitar contra o sedentarismo e os seus prexuízos na saúde e calidade de vida das persoas.

O responsable de Deportes da Xunta estivo acompañado no acto polo director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a directora da Residencia Xuvenil Altamar, Estela Simóns. Tamén estiveron presentes algúns dos deportistas ademais dos representantes dos clubs deportivos beneficiarios do convenio, tales como Vigo Voleibol, Amfiv, Celta Bosco Feminino Baloncesto, Vigo Rugby ou Academia Octavio.

Contido do acordo

Tal e coma explicou o director xeral de Xuventude, baixo o presente acordo a Consellería de Traballo e Benestar facilita aloxamento e manutención na Residencia Xuvenil Altamar aos seis mozos ou mozas deportistas que seleccione a Secretaría Xeral para o Deporte e que deberá comunicar á Dirección Xeral de Xuventude. Estes servizos, sen custo para os deportistas, prestaranse de luns a venres en réxime de pensión completa, e só aloxamento as fins de semana e festivos. Os períodos de estancia estarán suxeitos ao funcionamento regular da residencia xuvenil.

Pola súa banda, o departamento que dirixe José Ramón Lete Lasa facilita o uso gratuíto aos mozos e mozas residentes en Altamar das instalacións do Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, no horario máis axeitado e sen interferir na dinámica propia do CTGD, ademais da Casa do Deporte de Vigo, en idénticas condicións que as que gozan as federacións deportivas. Así mesmo, disporán de 10 entradas para eventos deportivos da Liga regular que organicen os clubs Vigo Voleibol, Vigo Rugby, Celta Bosco Baloncesto Feminino e Amfiv. A adxudicación destas entradas efectuarase mediante sorteo público entre os mozos e mozas residentes que manifesten o seu interese.

A Residencia Xuvenil Altamar

A residencia depende da Consellería de Traballo e Benestar e funciona como residencia para mozas e mozos estudantes durante o curso lectivo, a maioría universitarios.

Está situada en pleno centro de Vigo, a 100 metros da praza América e o centro comercial Camelias; moi próxima á Escola de Enxeñeiros Industriais e do Parque de Castrelos, o pulmón verde de Vigo.

Conta con 94 prazas mixtas. As habitacións son dobres e o baño compartido cada dous cuartos. Ten servizo de comedor, biblioteca, salón de actos, sala de ordenadores e pistas deportivas. Tamén lavadora e secadora con moedas.

9 de decembro de 2014 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.