A preestrea da miniserie ‘Códice’ terá lugar en Santiago o próximo mércores

Códice
O próximo mércores, día 17 de decembro, terá lugar en Santiago de Compostela a preestrea da miniserie ‘Códice’ dirixida polo galego Jorge Cassinello.
A miniserie, coproducida por TVG, foi rodada hai uns meses por Ficción Producións en Santiago e por primeira vez no interior da Catedral compostelana.
O evento de preestrea da miniserie terá lugar no Teatro Principal compostelano na tarde do mércores coa presenza do equipo da produción.
A miniserie conta no seu elenco cos actores Francis Lorenzo, Miguel de Lira e María Vázquez entre os protagonistas desta produción que ten como punto de partida o roubo do Códice Calixtino na Catedral de Santiago.
Dirixida por Jorge Cassinello e producida por Ficción Producións, con Julio Casal e Mamen Quintas como directores executivos, a rodaxe de ‘Códice’ comezou no mes de setembro en sitios emblemáticos da cidade compostelana e os seus arredores.
Tamén forman parte da repartición Carlos Blanco, Antonio Durán ‘Morris’, Mónica Camaño, Tamar Novas, Sabela Arán, Manuel Lozano, Manuel Manquiña e Luis Zahera, ademais de 200 figurantes procedentes de diferentes puntos da xeografía galega.











