A Praza da Peixería acolle o rastriño benéfico en favor das persoas con autismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O colectivo Os Mecos abre mañá, venres 5 de decembro na Praza da Peixería, a terceira edición do rastriño benéfico co que recadar fondos para financiar as actividades extraescolares e de integración de rapaces con autismo. O mercadiño funcionará de venres a domingo en horario de 10 a 14 e de 16 a 21 horas. As persoas que desexen colaborar poden facelo adquirindo os produtos que se poñan á venda ou tamén doando artigos e obxectos novos ou de segunda man para vendelos alí mesmo.

A asociación leva semanas traballando xa na organización deste merdadiño recollendo as doazóns de empresas e negocios colaboradores e tamén as dos particulares que quixeron facer os seus donativos con antelación. Os que prefiran facelo nesta fin de semana, tamén poderán levar os obxectos directamente á Praza da Peixería os días do mercadiño.

Sorteo de cestas de produtos

Os Mecos pretende agradecer a súa colaboración ás persoas que adquiran obxectos no mercadiño mediante o sorteo de varios lotes de produtos, principalmente alimenticios, doados por empresas e negocios da comarca, como viño, conservas, embutidos, produtos de Nadal, etc… Para elo, con cada compra realizara entregarase un boleto que o comprador deberá cubrir cos seus datos persoais e depositar na furna que se colocará na Praza da Peixería. A última tarde do mercadiño realizarase o sorteo.

Cos cartos que se recaden no mercadiño, Os Mecos financiará as actividades extraescolares a realizar polos seus fillos e que resultan imprescindibles e recomendables para o desenvolvemento físico, persoal e relacional das persoas con autismo, tales como musicoterapia, hípica, diferentes tipos de deportes ou saídas á comunidade.

4 de decembro de 2014 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.