A ponte da Constitución terá un aliciente máis en Nigrán coas Tapas Quentes
Desde a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor -OVALMI, ponse en marcha a 3ª edición das “Tapas Quentes” en Panxón, unha iniciativa dirixida a desestacionalizar o turismo e dinamizar a hostalaría e a restauración local.
Son doce os locais da contorna de Panxón que se suman a esta iniciativa, que ofrecerán durante os días 4, 5, 6, 7 e 8 de decembro, diversos entrantes quentes, polo prezo dun euro a ración. No facebook de OVALMI e na web www.ovalmi.com poderanse consultar os horarios dos locais participantes.
Os clientes interesados en facer a ruta completa de “Tapas Quentes” 2014 deberán adquirir o folleto, que actuará a modo de guía para facer o percorrido das tapas, nos establecementos participantes. Para poder optar ao sorteo de 12 ceas, o folleto deberá estar marcado por sete selos de establecementos diferentes, é dicir que deberá consumir en polo menos sete dos locais participantes. Unha vez completado, o consumidor deberá cumprimentar o apartado de datos persoais e depositalo nas caixas de correos habilitadas ao efecto, en calquera dos establecementos participantes.











