A Policía Local da Coruña pon en marcha o Dispositivo Especial de Nadal
O tenente de alcalde de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Julio Flores, informou da posta en marcha do Dispositivo Especial de Nadal, desde hoxe, luns 15 de decembro, até o mércores 7 de xaneiro, co obxectivo de reforzar a seguridade cidadá e o control do tráfico, con especial atención ás zonas de gran actividade comercial, onde se concentra a afluencia de persoas e vehículos para as compras do Nadal.
“Este dispositivo regúlase en función das variacións da intensidade de tráfico para cada día da semana e ten en conta os fluxos de circulación en horas punta”, sinalou Flores, quen engadiu: “Ademais, tamén se estudaron as afeccións orixinadas polas grandes obras, como as que se desenvolven na Mariña, en Salgado Torres ou en Federico Tapia, esta en concreto interrómpese até despois do día de Reis; suspenderanse as obras ordinarias de mantemento de espazos públicos e viarios que poidan afectar o tráfico ata que finalicen as festas do Nadal e soamente se realizarán aquelas obras de reparación urxente que sexan estritamente necesarias. Tamén se reforzará a coordinación da Sala de Pantallas de Tráfico do 092 co traballo da Unidade de Tráfico e da Policía de Barrio”.
No dispositivo participan unha media diaria de máis de 60 policías locais tanto da Unidade de Tráfico (Ateigados, Disciplina Viaria e Sala de Pantallas) como do resto de unidades operativas (Sección de Motos e Policía de Barrio), co obxectivo de favorecer a mobilidade; mellorar a fluidez nos itinerarios do transporte público; axilizar a circulación nas zonas de maior densidade de tráfico evitando as paradas e estacionamentos indebidos; e informar das mellores alternativas, tanto para circular como para atopar estacionamentos.
“Vaise a informar a cidadáns e comerciantes das mellores rutas para favorecer a fluidez do tráfico e para mellorar a seguridade viaria mediante o uso responsable do vehículo particular. Ademais, procederase á regulación e control do tráfico procurando desenvolver actuacións preventivas para facilitar a fluidez nos accesos á cidade e ás zonas de gran actividade comercial, e actuarase mediante sinalización preventiva nas vías de circulación que se consideren necesarias”, indicou Julio Flores, quen destacou: “A nosa recomendación nestas datas, unha vez máis, é que os cidadáns opten polo transporte público para os seus desprazamentos”.
Flores sinalou que se manterá o dispositivo habitual para Alfonso Molina e desde a Sala de Tráfico da Policía Local estableceranse protocolos de actuación para regular os semáforos en función da densidade de circulación, ao obxecto de incidir nunha maior fluidez. “Prestarase especial atención nas zonas comerciais, con presenza entre as 12.00 e as 14.30 horas e entre as 18.00 e as 21.00 horas no Obelisco, praza de Mina, praza de Ourense, rúas Picavia e Pai Feijóo, rúa Barcelona, Agra do Orzán, Ramón e Cajal, Alcalde Marchesi, e glorieta de acceso a Marineda desde As Rañas. En horario de tarde, tamén haberá presenza de policías locais na glorieta de Eduardo Diz e na glorieta de Lonzas”, informou.
O deseño deste dispositivo realizouse tras unha análise da problemática do tráfico en cada zona da cidade, avaliando a experiencia de anos anteriores, e contará con tres niveles de actuación, en función da intensidade prevista de vehículos e persoas:
– Nivel ALTO, para os días de maior intensidade: tarde do 19 de decembro e os días 20, 21, 22, 23, 27, 28 e 31 de decembro; tarde do 2 de xaneiro e 3,4, 5 e 7 de xaneiro.
– Nivel MEDIO, para os días de intensidade media: 24, 26, 29 e 30 de decembro.
– Nivel BAIXO, para os días de menor intensidade: 15, 16, 17, 18, a mañá do 19 e o 25 de decembro; e 1 de xaneiro, a tarde do día 2 e o 6 de xaneiro.











