A piques de rematar os traballos para cubrir o depósito de captación de auga da II Fase do proxecto Anllóns-Bardoso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Avanzan a bo ritmo os traballos da Fase II da “Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)”, que están sendo realizados pola UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL e Demaín Obras y Servicios SL por un importe de 2.413.950 euros (IVE incluído). Esta semana estanse executando as obras para cubrir o depósito de captación de auga bruta (na imaxe) que logo subministrará á nova ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) incluída no proxecto e situada na parroquia de Sofán. Trátase dunha instalación que, coa potabilizadora xa existente, terá capacidade para abastecer todo o territorio carballés. O Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, explica que se están respectando as datas estipuladas no proxecto técnico e que todo marcha segundo o previsto.

Os prazo de execución marca que o groso da actuación debería estar listo a primeiros de maio de 2015, logo de oito meses e medio de execución. Hai que lembrar que a adxudicataria engadiulle no seu momento ao proxecto orixinal melloras sen custo adicional para o Concello valoradas en 301.755,82 euros que supoñen a realización de tres redes de saneamento na Costa, no Esmorís e no Cadaboso, na parroquia de Berdillo. Os interesados e interesadas poden ver no Facebook do Concello unha pequena galería con imaxes dos traballos realizados nos últimos días. O custo total das obras incluídas na Fase I e Fase II do proxecto de “Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)” ascende a 3.438.820 euros.

Respecto da Fase I, hai que mencionar que, despois da resolución dun primeiro contrato a causa do imcumprimento do mesmo por parte da adxudicataria, agora os traballos serán realizados pola UTE (Unión Temporal de Empresas) Anllóns Bardoso I formada por Construcciones López Cao SL e Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL. O prezo de adxudicación foi de 1.024.870 euros (IVE incluído), mentres que o prazo de execución é de catro meses (120 días naturais). Hai que mencionar que neste caso a UTE tamén se ten comprometido a realizar melloras técnicas e de obra sen custo adicional por un importe de 112.453,05 euros. Tamén hai que lembrar que estas actuacións están cofinanciadas por fondos europeos Feder.

16 de decembro de 2014 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.