A modificación dos crematorios aprobada polo pleno de Pontevedra non incide sobre as competencias urbanísticas da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas ratificou hoxe o acordo plenario do concello de Pontevedra que aprobou unha Modificación Puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana para regular o uso dos crematorios. Dado que o contido e alcance da proposta municipal non incide sobre materias de competencia autonómica, a Xunta limitouse a comprobar a integridade documental do expediente. A secretaría xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo notificoulle esta mañá a resolución de conformidade ao Concello.

A finalidade desta modificación puntual do PXOU é a de regular os crematorios como servizo público, engadíndoo aos usos e actividades previstos no PXOU actualmente en vigor.

De acordo co artigo 89 da LOUG, e co artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se fixa a Estrutura Orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal lle corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Na modificación aprobada, o uso crematorio establécese como prohibido no solo clasificado polo PXOU coma urbano ou núcleo rural, agás cando é complementario de cemiterios, tanto existentes ou novos. Tamén se admite en zonas industriais.

En todos os casos, establécese a necesidade de manter unha distancia de 50 metros dende o límite da parcela na que se sitúe a edificación de crematorio, respecto daquelas parcelas destinadas a usos residenciais, terciarios ou equipamentos comunitarios excepto cemiterios, así coma dos lindes con concellos limítrofes.

No que se refire á compatibilidade deste uso co solo clasificado no PXOU coma non urbanizable ou rústico, permítese a implantación de crematorios no solo rústico de protección ordinaria, agropecuaria e forestal sempre que sexa compatible cos valores obxecto de protección, requirindo a tramitación dun Plan Especial de Infraestuturas e Dotacións.

Antecedentes

O Concello de Pontevedra dispón, na actualidade vixente, dun PXOU aprobado definitivamente en 1989.

A presente Modificación Puntual foi aprobada inicialmente polo Pleno do Concello de Pontevedra do 28 de outubro de 2013. Someteuse a información pública polo prazo de dous meses. O Concello, en sesión plenaria de 17 de novembro de 2014, aprobou provisionalmente a Modificación Puntual e a contestación das alegacións formuladas polos particulares.

Tras a notificación da orde, o Concello de Pontevedra deberá publicar no Boletín Oficial da Provincia a normativa íntegra contida na modificación puntual.

26 de decembro de 2014 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.