A Mesa do orzamento participativo de San Sadurniño debate sobre unha maior implicación veciñal no proceso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Mesa do orzamento participativo reuniuse no serán deste luns para repasar as propostas xurdidas nas xuntanzas veciñais celebradas nas últimas semanas en todas as parroquias do territorio. Desta vez a maior parte das peticións dirixíronse ao amaño de pistas e outras obras e a xuntanza pechouse sen definir a prioridade da súa execución. Con todo, o Concello informou que moitas delas xa se incluíron no POS, que outras irán no plan anual do AGADER e que as restantes se irán acometendo con outros programas.

Arredor da mesa sentaron representantes de entidades veciñais e tamén as persoas designadas en cada parroquia para defender as propostas formuladas nas respectivas xuntanzas. O titular de Participación veciñal, Manolo Varela, repasou o listado de peticións co obxectivo de contextualizar o debate e, apartir del, definir os investimentos municipais que se incorporarán aos orzamentos municipais do 2015. 

Varela debullou as súas anotacións: arranxos nalgunhas pistas de Ferreira, Santa Mariña, Lamas, Camiño Arriba e Igrexafeita; unha depuradora como a que xa funciona en Ferreira para o lugar do Chao, en Naraío; unha traída de augas comunitaria para Igrexafeita e un punto de auga para o adro da capela de San Cristovo; mercarlle á Igrexa o campo da festa de Bardaos; que se limpen as cunetas no centro urbano de San Sadurniño; dotar de máis orzamento as axudas á conciliación; negociar conxuntamente prezos vantaxosos para as carpas das festas… 

Ducias de ideas que, finalmente, non se chegaron a priorizar debido a que o debate foi derivando cara a unha análise dos propios orzamentos participativos e da falla de relevo xeracional nas asociacións. O alcalde convidou a reflexionar sobre as razóns de que nas xuntanzas do orzamento participativo cada vez se implique menos xente, sobre todo a mocidade. García indicou que por riba das melloras nas infraestruturas o Concello debe traballar na creación de expectativas para os mozos e mozas. O alcalde adiantou que en 2015 se investirán arredor de 60.000 euros no acondicionamento do centro municipal de empresas co que se busca ofrecerlle ao emprendemento -especialmente ao novo- un espazo asequible no que iniciar a súa actividade baixo a fórmula do coworking

Ao respecto das obras solicitadas nas xuntanzas veciñais, Secundino García explicou que grande parte delas xa foran incluídas nos proxectos do POS provincial, que suporán un investimento de 138.000 euros aos que cumprirá engadirlles outros 108.000 provenientes de fondos europeos xestionados polo AGADER. Outras infraestruturas quedarían pendentes de incluírse en programas doutras administracións que seguramente se vaian publicando ao longo do ano que vén e sempre que sexan asumibles polo Concello.

Na Mesa do orzamento participativo pechou a sesión preto das dez da noite cun animado debate ao respecto das posibilidades de desenvolvemento do medio rural por medio da posta en valor dos recursos forestais, agrícolas e turísticos. Nos próximos días o Concello publicará o balance do proceso deste ano, no que participaron arredor de 60 veciños e veciñas.

2 de decembro de 2014 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.