publicidade hoxe

A mellora de dous camiños rurais en Rairiz de Veiga supuxeron un investimento de 40.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseRairiz de Veiga
A-
A+

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, supervisou esta mañá o resultado dos traballos levados a cabo no municipio de Rairiz de Veiga ao abeiro do Plan Marco Programa de mellora de camiños de titularidade municipal da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Acompañado polo alcalde do concello, Xosé Xaquín Rodríguez, o delegado territorial visitou a zona onde se realizaron as obras. Os traballos consistiron na mellora da capa de rodaxe do camiño de Montealbán, logo dos labores de limpeza da maleza, e a reparación do camiño da Veiga. A actuación contou cun investimento total de 43.000 euros e ten como fin favorecer as condicións de tránsito e seguridade vial e, deste xeito, proporcionar maior calidade de vida á poboación destes núcleos rurais.

Rogelio Martínez lembrou que en total, a través deste Programa Marco, a Consellería de Medio Rural e do Mar destinou na pasada convocatoria preto de 3.600.000 euros para levar a cabo actuacións en camiños e estradas rurais da totalidade dos concellos da provincia ourensá. Segundo salientou o delegado territorial “con estas iniciativas búscase dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas zonas rurais”.

A contía da dotación para financiar as obras que se executen nos concellos ourensáns a través do vindeiro Plan Marco 2014-2015 duplicouse con respecto da do anterior, e cífrase en preto de 6 millóns de euros. Destes fondos, pouco máis de 2.700.000 euros corresponden á anualidade de 2014 e os máis de 3 millóns restantes á anualidade de 2015. Segundo o delegado territorial “este incremento permitirá atender proxectos que melloren un maior número de camiños”. Ademais, Rogelio Martínez agradeceu a colaboración dos alcaldes no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

30 de decembro de 2014 | 12:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.