publicidade hoxe

A maxia e ilusión chega ao Edificio Multiusos de Monforte con Martín Camiña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioMonforte de Lemos
A-
A+

Este venres día 2 de xaneiro, ás 18:00 h no Auditorio do Edificio Multiusos, viviremos “Momentos de asombro” co mago Martín Camiña.

Acompañado pola ilusionista Fani Triana, Martín Camiña presentará en “Momentos de asombro” o mellor dos seus espectáculos, un repaso ás ilusións máis impactantes que levou a escena ó longo da súa dilatada carreira profesional.

Maxias de preto, con cartas, moedas, dados, navallas…, e maxias de escena, con grandes ilusións, escapismo, cordas…, todo isto é “Momentos de asombro”.

Martín Camiña participou en numerosos congresos de maxia (Ourense, Granada, San Sebastián, Holanda, Zaragoza, Valencia, E.E.U.U., Xapón…), e tamén recibiu importantes premios.

Na súa carreira profesional destacan os seguintes galardóns:

– 3º Premio de España de Maxia de Preto, San Sebastián 2002

– 3º Premio no Congreso Internacional de Almusafes – Valencia 2007

– 3º Premio Asociación Portuguesa de Ilusionismo 2007

Na súa traxectoria, Martín Camiña ten presentado variados espectáculos, dos cales poderíamos destacar: “Corcheas, semifusas e ilusións. Unha obra máxica e musical”, “Momentos de asombro”, “Encantamentos de rúa”, “Feitizo”, ou “A outra realidade”.

As entradas para este máxico espectáculo terán un prezo de 3 euros para rapaces e rapazas, e 5 euros para os adultos.

31 de decembro de 2014 | 10:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.