A Ludoteca de Mos estréase impartindo o campamento de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
A alcaldesa de Mos na visita á Ludoteca

A alcaldesa de Mos na visita á Ludoteca

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, visitaron esta mañá ós nenos e nenas que están a participar no campamento infantil de Nadal que organiza o Concello e que hoxe celebraba a súa primeira sesión. O campamento estase a levar a cabo na Ludoteca Municipal, que abría ademais esta mañá por primeira vez as súas portas ó público.

O edificio que alberga as dependencias da Ludoteca Municipal está reformado íntegramente, totalmente adaptado, amoblado e equipado con material didáctico. A capacidade máxima do centro é de 40 prazas para 40 nenas e nenos de 3 a 12 anos de idade.

O local da ludoteca conta cunha superficie total de 173,28 metros cadrados repartidos entre dúas aulas, un almacén, tres aseos e un hall de entrada. A maiores as instalacións contan cun patio exterior orientado á realización de xogos infantís ó aire libre que ten unhas dimensións de 620 metros cadrados.

As representantes municipais declararon sobre os obxectivos, tanto dos obradoiros infantís de Nadal en particular coma do servizo de ludoteca en xeral, que “son principalmente fomentar a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e nais traballadores veciños do Concello de Mos”. Ademais, e a este respecto, a concelleira responsable do campamento navideño apuntou que “esta iniciativa está orientada sobre todo a desenvolver e fomentar  o xogo e o entretemento infantil con fins didácticos durante este período vacacional”.

A Ludoteca conta cun horario flexible, adaptado ás necesidades dos usuarios, que durante o período escolar abarca de 16.00 horas a 20.00 horas e durante o período vacacional de 08.00 horas a 14.00 horas.

O servizo de Ludoteca conta con descontos especiais durante o Nadal e a Semana Santa para as familias que teñan contratada unha tarifa mensual, e que aboarán nesas datas soamente a parte proporcional do número de horas a maiores. Ademais, no caso de familias que contratan o servizo para máis de un fillo teñen un desconto do 10% nas tarifas mensuais cando se trata do segundo fillo e do 15% cando se trata do terceiro fillo.

A entidade xestora da Ludoteca Municipal de San Rafael está a organizala como un espazo aberto e integrado plenamente na comunidade mosense, que preste un servizo flexible e adaptativo que permita ás familias poder levar a cabo unha conciliación familiar satisfactoria. Os principios educativos que rixen o funcionamento da Ludoteca son a liberdade na acción e na creación nun entorno planificado e a participación democrática tanto do equipo educativo como dos participantes. Todo elo partindo dunha metodoloxía activa e participativa onde os rapaces e rapazas non son meros receptores, senón que se sitúan como entes activos e creadores.

Ademais os nenos e nenas teñen á súa disposición ó equipo educativo en todo momento para poder facer peticións, expresar queixas ou melloras, para facilitar o proceso de adaptación real ós gustos do grupo. Os pais poden avaliar o servizo de Ludoteca en reunións co equipo educativo ou mediante o buzón de suxerencias e enquisas avaliativas.

Os usuarios da Ludotecas aprenden xogando mediante obradoiros, xogo libre, deportes, contacontos, reciclaxe, xardiñeiría, cociña e repostería creativa, actividades ó aire libre, psicomotricidade, préstamo de xogos e xoguetes, saídas e actividades temáticas. Todo impartido e coordinado por pedagogos e persoal cualificado.

Campamento de Nadal

O Campamento de Nadal deste ano, nace coa idea da solventar unha das máis crecentes necesidades da sociedade actual a conciencia de consumo responsable levando a cabo actividades e obradoiros con material reciclado. Os rapaces/as aprenderán formas moi divertidas de levar a cabo agasallos para os seus máis achegados respectando o medio ambiente. Traballando a repostería creativa para Noiteboa, a creación de adornos de Nadal e xoguetes con material reciclado, e tamén a paquetería creativa. Ademais é unha iniciativa que pretende facilitar a conciliación familiar ós pais e nais da vila que compaxinan o traballo co coidado da familia.

Con todo isto preténdese favorecer as relacións interpersoais entre os nenos/as dos diferentes colexios de Mos nun ambiente lúdico, dinamizar o tempo libre dos escolares con actividades educativas, continuar ca tradición que envolve a esta festividade, fomentar valores entre os/as cativos/as como o compañeirismo, o traballo en equipo, a cooperación, traballar as capacidades creativas dos nenos/as de Mos, fomentar actitudes positivas cara a cociña baseándonos en principios como a coeducación, concienciar no consumo responsable e por en valor a reutilización de materiais e a importancia do pequeño comercio.

Os obradoiros realizaranse dende hoxe ata o día 7 de xaneiro ambos inclusive (exceptuando os festivos 25 de decembro, 1 de xaneiro e 6 de xaneiro) en horario de 9:00 horas a 14:00 horas, cun servizo opcional de aula matinal a partir das 08:00 horas.

22 de decembro de 2014 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.