A II Gala Benéfica contra o Cancro en Ourense preséntase como unha das grandes citas do Nadal auriense

Presentación da gala benéfica contra o cancro en Ourense
Esta mañá, ás 10.00h no Hotel NH Ourense (Rúa Celso Emilio Ferreiro, 24) tivo lugar a conferencia de prensa de presentación da II Gala Benéfica contra o cancro en Ourense. David Rodríguez, presidente da Asociación Cultural Xuvenil As Canellas, María Isidora Gómez, Presidenta da Asociación Española contra o Cancro Ourense e Rubén Riós, coorganizador e presentador da gala coincidiron no mesmo: a importancia de levar a cabo estes eventos na cidade que sirvan de unión para a cidadanía e a mostra de solidariedade. Tras realizar a lectura do programa, María Isidora expuxo o labor que realiza en Ourense a Asociación Española contra o Cancro e a relevancia destas iniciativas: “tralo éxito da primeira edición, estamos encantados de presentar unha gala chea de cultura, compromiso social e sobre todo, solidariedade”. Pola súa banda, David Rodríguez, organizador da gala xunto con Rubén Riós, quixo expresar o seu agradecemento xa que: “énchelle de xúbilo comprobar o seguimento que está a ter este evento que con tanto agarimo e esforzo levamos preparando desde comezos de verán de 2013, cando xuntos comezamos coa primeira edición”. Finalmente, Rubén Riós, que presenta a gala por segundo ano, sinalou que este evento ademais de cumprir unha función social necesaria, axuda a achegar necesarias iniciativas culturais na cidade ourensá.
Tralas actuacións da primeira edición entre as que estiveron Susana Seivane, Lucía Pérez, Daniel Minimalia e Emilio Rúa, este ano, o cartel presenta novas e coñecidas caras do mundo da música, a interpretación e o humor: os mestres de cerimonias da gala serán a actriz Isabel Risco (premiada recentemente co Premio Mestre Mateo á mellor actriz) e o actor ourensán Rubén Riós, organizador do evento a través do programa de responsabilidade social da súa produtora, Claqueta Coqueta. Eles serán os encargados de dar paso, co seu característico sentido do humor, a un conxunto de actuacións musicais que amenizarán a velada no Auditorio: Rosa Cedrón, a voz durante nove anos do mítico grupo Luar na Lubre, agora en carreira en solitario, que compartirá grandes clásicos e temas do seu novo disco, do mesmo xeito que o compositor santiagués Luís Emilio Batallán, que chega a Ourense cun novo disco debaixo do brazo; “Había que chegar”. No apartado musical, Gustavo Almeida, cantautor brasileiro afincado en Pontevedra presentará temas do seu novo disco: “Desde el coche”. O toque de baile e danza da gala correrá a cargo dos grupos Meigas Tribal (danzas tribais inspiradas en Oriente Medio) e Feel That Crew (danza moderna influenciada polos estilos rap e hip-hop) pertencentes a Bayamo Estudo de Baile.
As entradas xa están a venda en diferentes puntos da cidade ourensá: Casa Toñita, Matiz Instrumentos Musicais, Panadaría Seixalvo Roberto, Café Latorta Ourense, Bayamo Escola de Baile, Prink Ourense, Sequesport, Lobisome, Bar O Gaiteiro, Teresa Fontao, Starbar Ourense, Bar Pintas, Motorcycles Shop Ourense, A Huerta Frutería A Valenza, Despacho de Voluntariado do CHUO (Complexo Hospitalario Universitario de Ourense), Umbela, Tenda Aceites José Galán, Cafetaría Isaac, Axencia Luena, Libraría Puga, Olea Floraría, Trampitán Ourense, Mercería Musko, Barbaría Galego Estilistas, Quique Martínez estilista, Marquesitos Zapatos e a Sede da AECC (Asociación Española contra o cancro) en Ourense.
As entradas están a un prezo de 5 € (venda anticipada) e 8 € (venda en despacho de billetes).











