A exposición Bravú XX comeza no IES Sánchez Cantón
A exposición “Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!” estará exposta desde mañá ata o 19 de xaneiro no IES Sánchez Cantón. Esta é unha versión itinerante da grande mostra que visitaron máis de 4000 persoas no Pazo da Cultura, desde o mes de novembro ata o Culturgal.
Bravú XX está organizada polo Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, para celebrar os 20 anos do nacemento deste movemento cultural que transcendeu o eido da música e abrangueu diversas expresións culturais, conseguindo que a lingua galega fose a canle común de creación para chegar a cada recuncho da nosa terra e aínda traspasar fronteiras.
A mostra orixinal, que se expuxo no Pazo da Cultura, contaba con discos, CD, camisolas, chapas, carteis, paneis informativos e instrumentos musicais… sendo a primeira exposición de lonas de gran formato do rock galego. Para a itinerancia houbo que prescindir dalgúns destes elementos, pero a esencia e a historia do movemento Bravú están perfectamente reflectidos en 8 paneis temáticos e tamén 8 bustos con camisetas da época e textos con achegas dos grupos.
Con esta mostra os estudantes comprenderán mellor o movemento bravú e a súa importancia para a lingua e cultura galega. “A noite de Santos de 1994, nunha taberna de Viana, Chantada, naceu o bravú. Unha etiqueta creada polos propios músicos que serviu para bautizar o rock cantado en galego, magma vizoso que entón estaba a agromar por todo o país. Vinte anos despois cómpre lembrar o comezo desta aventura. Unha referencia cultural e unha proposta de traballo colectivo que as persoas máis novas teñen dereito a coñecer. O bravú comezou sendo guitarra e distorsión, mais axiña estendeu o seu berro de vida por outros camiños. Nesta exposición queremos recoller ese proxecto de axitación xeral, alicerce dunha tradición, e tamén impulso creativo para os novos tempos” (Xurxo Souto).











