A Deputación de Pontevedra recoñece o mérito do porteiro vigués de fútbol Aitor Pouseu Blanco

Aitor Pouseu con Begoña Estévez
A deputada Begoña Estévez entregou esta mañá na sede viguesa da Deputación de Pontevedra un recoñecemento ó porteiro vigués e ex xogador do Rápido de Bouzas Aitor Pouseu Blanco. O motivo foi ser designado na liga universitaria de fútbol de Estados Unidos como mellor porteiro do ano e mellor gardameta dos playoffs.
Aitor Pouseu militou no Rápido de Bouzas durante nove anos pasando por todas as categorías inferiores do club e participando nos equipos seniors, ata proclamarse campión de Galicia xuvenil coa selección de Vigo no ano 2011.
Posteriormente foi elixido pola Radford University de Virginia, en Estados Unidos, que lle ofreceu unha bolsa para xogar co equipo de fútbol da División Universitaria na Big South Conference.
Con este equipo bateu o récord histórico de vitorias consecutivas da Universidade e foi subcampión dos playoffs, sendo clave nas semifinais, onde foi elixido o xogador máis importante do partido (MVP).
Entre os seus logros persoais está ser o porteiro menos goleado da conferencia, con só seis tantos encaixados; ou o ser elixido o mellor porteiro Rookie do ano.











