A Deputación de Pontevedra pon á disposición dos concellos 1,5 millóns de euros para anticipos
Os concellos da provincia de menos de 25.000 habitantes que precisen financiamento para obras e servizos en 2015 poderán acollerse á liña de axudas que abre a Deputación, cunha achega de 1,5 millóns de euros destinada a anticipos.
Os anticipos concederanse por concorrencia competitiva e os concellos interesados poderán solicitalos ata o 2 de febreiro de 2015.
Destinaranse prioritariamente á achega económica que os concellos deban asumir para executaren proxectos que conten con financiamento doutras administracións e que requiran de cofinanciamento municipal. Tamén se poderán solicitar anticipos para obras e servizos dos propios concellos e, en casos excepcionais, para operacións de tesourería.
O importe máximo do anticipo será do 80 % do investimento, cun máximo de 400.000 euros; os concellos non terán que aboar xuros por estes anticipos.
Un millón para financiar obras comunitarias
Doutra banda, na Xunta de Goberno que tivo lugar o venres, o Goberno provincial aprobou que as agrupacións e asociacións de veciños dos 62 concellos da provincia de Pontevedra dispoñan en 2015 de 1 millón de euros para obras de interese comunitario.
A Xunta de Goberno aprobou as bases do Programa de Acción Comunitaria, ó que as asociacións poderán concorrer ata o 2 de febreiro de 2015.
Financiaranse tanto obras coma adquisicións que redunden en beneficio dos veciños, ben sexa construíndo, mellorando ou rehabilitando infraestruturas en núcleos rurais ou urbanos, ben reforzando as propias asociacións para que poidan cumprir mellor cos seus obxectivos de apoio e promoción da participación cidadá.











