A Deputación de Pontevedra leva a Vigo a exposición Sopros de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra leva a Vigo unha das mostras que máis visitantes recibiu nos últimos anos no Museo de Pontevedra. Trátase de Sopros de Nadal, unha exposición que recolle máis de 400 adornos de árbores de Nadal elaborados artesanalmente en cristal soprado por expertos vidreiros centroeuropeos, que poderá contemplarse a partir do 11 de decembro e ata o 11 de xaneiro no Museo do Mar de Galicia.

A exposición presentouse por primeira vez en España no Museo de Pontevedra, en decembro de 2013, onde foi visitada por unhas 8.000 persoas.

A súa apertura en Vigo pretende achegarlles esta mostra a nenos e maiores do sur da provincia, xa que a súa temática –tal e como se demostrou na súa estancia en Pontevedra– atrae a gran cantidade de cativos e familias.

A exposición manterá o espírito da pasada edición, pero incluirá novas pezas porque a colección privada á que pertencen foi sumando novas adquisicións e porque incorporará adornos que enlacen coa temática propia do Museo do Mar. Así, xunto ós Reis Magos, Papá Noel ou personaxes de conto coma Hansel e Gretel ou a Cincenta, poderán verse peixes, sereas ou faros.

Un percorrido pola exposición permitirá coñecer o nacemento, no século XIX, e a evolución ó longo dos anos da arte da decoración do Nadal en vidro, ademais de achegarnos ó descubrimento de lendas e historias relacionadas cos protagonistas e as tradicións do Nadal, a través da súa representación en cristal.

3 de decembro de 2014 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.