A Deputación de Pontevedra financia con 199.000 euros as obras de humanización da rúa Paseo Matutino en Ponteareas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareasPontevedra
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra concédelle unha subvención de 199.008,56 euros ó Concello de Ponteareas para as obras de humanización da rúa Paseo Matutino, no tramo comprendido entre as rúas Castañal e Lamazanes.

O obxecto da obra é homoxeneizar toda a rúa, pois o resto da vía xa foi obxecto de humanización. O citado tramo, de 252 m, presenta un ancho variable debido á diferente aliñación dos edificios.

A actuación centrarase fundamentalmente na marxe dereita, xa que a esquerda está totalmente consolidada, coa totalidade dos soares edificados. Pola contra, na marxe dereita existen seis soares baleiros con cerrados de bloques, de formigón, de rede metálica, e en fronte as beirarrúas son moi estreitas.

A actuación prevista permitirá harmonizar as beirarrúas, ancheándoas, así como dotar a rúa de mellores pasos de peóns, ordenar prazas de aparcamento para vehículos e autobuses e mellorar a calzada. Desta forma acondicionarase unha rúa cun notable tránsito de persoas e vehículos, que dá acceso ós institutos Val do Tea e Pedra da Auga.

22 de decembro de 2014 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.